A modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG)
impulsada pola Xunta permitirá habilitar preto de medio millón de metros cadrados de solo
industrial nos concellos de Mos e Redondela, que concentran unha gran actividade económica e
empresarial e necesitan máis superficie preparada para acoller este tipo de usos.
Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez,
que se reuniu en Mos coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e o presidente da Asociación de Empresarios do
municipio (Aemos), Manuel Castro, para explicarlles o alcance que terá para esta zona a nova
planificación na que traballa o seu departamento co fin de actualizar e redefinir as prioridades da
Comunidade en materia de áreas empresariais.
En concreto, o novo ámbito previsto está proxectado en Louredo e ocupará unha superficie de
498.272 m2 dos cales a gran maioría (371.710 m2) estarán no termo municipal de Mos e os 126.562 m2
restantes, no municipios limítrofe de Redondela.
Precisamente, a conselleira desprazouse xunto á rexedora e unha representación dos
empresarios locais ata a zona na que se desenvolverá a futura área, desde onde incidiu na
importancia que terá este desenvolvemento para poder responder á demanda de superficie industrial
existente no concello.
“Dos 7 millóns de metros cadrados que imos planificar de cara ao futuro con esta
modificación, 500.000 pertencen a Mos e Redondela. Porque hai demanda e porque tan só restan cinco
parcelas por vender no polígono existente, o de Veigadaña”, explicou a conselleira, que recoñeceu
que esta é unhas das “áreas estratéxicas” desde o punto de vista empresarial polas que aposta a
Xunta de Galicia.
Neste sentido, subliñou a importancia da revisión do PSOAEG que está a acometer o seu
departamento non só para esta zona senón para o conxunto da Comunidade, e avanzou que o documento
se atopa en fase de avaliación ambiental e séguese avanzando co obxectivo de aprobalo de forma
inicial no último trimestre e definitivamente, en 2022.
Pola súa banda, a alcaldesa celebrou a confirmación de que Mos “seguirá crecendo
empresarialmente, en emprego e en economía”, convertendo ao concello nun “territorio de
oportunidades”. “O Concello, Aemos e a Xunta somos un equipo que ten que seguir cada día avanzando
e resolvendo problemas”, salientou.
Por último, o presidente de Aemos asegurou que hoxe recibiron unha nova que para os
empresarios é “impresionantemente boa”, unha “necesidade” que vai supoñer unha mellora para a área
metropolitana de Vigo. “Agora o que pedimos é que se reduzan os prazos ao mínimo posible, para que
canto antes poidamos estar inaugurando este emprazamento”, sinalou.
Ademais da reunión nas instalacións de Aemos e a visita á futura zona empresarial, a
conselleira desprazouse tamén ata a zona na que a asociación está impulsando un proxecto singular
con naves modulares.