Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta colaborará co concello de Arbo para impulsar a declaración do barrio da estación como Área de Rehabilitación Integral

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2021.- A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Arbo para avanzar na declaración do barrio da Estación como Área de rehabilitación integral (ARI), brindándolle apoio técnico e asesoramento respecto dos trámites a seguir a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao rexedor pontevedrés, Horacio Gil, con quen mantivo recentemente unha reunión para abordar diferentes asuntos de interese municipal.

Deste xeito, o Goberno local quere darlle un impulso definitivo ao devandito barrio pola vía da rehabilitación dos edificios existentes e da intervención e mellora nos equipamentos públicos. Para iso, traballa xa na súa solicitude ante a Xunta para declarar este ámbito como ARI, que sería a primeira no seu caso.

Por outra banda, o alcalde de Arbo tamén lle trasladou á conselleira a súa intención de levar a cabo un proxecto de carácter urbanístico co fin de humanizar a antiga estrada PO-400, unha actuación fundamental para a contorna, segundo explicou. Ao respecto, Ángeles Vázquez comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración técnica e económica por parte do seu departamento co fin de apoiar ao concello na súa execución.

Compostaxe doméstica

Por último, en materia de residuos, conselleira e rexedor tamén falaron do programa de compostaxe doméstica xestionado por Sogama e no que o concello de Arbo participa.

De feito, o alcalde resaltou a boa acollida que está a ter esta iniciativa entre a veciñanza, con preto de 200 vivendas unifamiliares xa adheridas e que teñen á súa disposición compostadores cunha capacidade de 400 litros cada un para xerar abono de calidade a partir da materia orgánica dos seus propios residuos.