Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta aprobará inicialmente no último trimestre do ano a ampliación do polígono empresarial de Toedo, na Estrada

A Xunta de Galicia aprobará inicialmente no último trimestre do ano a ampliación do polígono industrial de Toedo, na Estrada, co que esta área medrará en máis de 160.000 m2.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo este avance nunha reunión coa Asociación de empresarios do polígono industrial, na que tamén participou o alcalde da Estrada, José López Campos, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García porto; onde recordou que esta actuación está incluída na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresarias de Galicia, que na actualidade está en fase de avaliación ambiental e que a Xunta prevé aprobar inicialmente antes de que remate o ano e de xeito definitivo no 2022.

Recordou que –ademais desta actuación- tamén se incorpora o reaxuste do ámbito da Cidade do Moble, que abarcará unha superficie de 160.399 m2, debido á afección que se prevé pola construción da futura circunvalación da Estrada.

A conselleira sinalou que o Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia é unha folla de ruta aprobada polo Goberno galego no ano 2014 e que se actualiza e revisa porque é “un documento estratéxico, que debe adaptarse ás necesidades reais que demandan os empresarios, para facilitar apoio e colaboración na tarefa de xerar emprego e riqueza na zona na que se asentan”.

Nese sentido, o alcalde agradeceu o apoio do departamento que dirixe Ángeles Vázquez por introducir no PSOAEG a nova área empresarial do concello, a ampliación do polígono de Toedo, co que “se ofrece unha solución á falta de solo empresarial na Estrada, dado que o planificado no plan xeral non sería factible por razóns económicas e estruturais”.

Deste xeito, lembrou que –a nivel autonómico- a modificación en tramitación prevé a creación de seis novos parques e a variación da superficie actual doutros 12. Así, os empresarios e emprendedores disporán de 121 parques que ofrecerán 47 millóns de m2.

Explicou que a Xunta, “non só se limita a brindar o seu apoio apostando por unha planificación ordenada do solo”, senón que tamén é a única administración pública que ofrece bonificacións de ata un 50% sobre o prezo en todo o solo empresarial da súa propiedade. Engadiu que estes incentivos se veñen aplicando desde o ano 2015 e permitiron a adxudicación de 2,3 millóns de m2, con bonificacións próximas aos 70 millóns de euros.