• Foi o primeiro municipio en declarar esta figura recollida na Lei de rehabilitación, en
deseñar o seu plan de dinamización e agora en poñer en marcha o Centro Rexurbe, “o motor e cerebro”
desde o que se impulsarán as actuacións que dinamicen esta zona desde o punto de vista social,
cultural, medioambiental e económico
• Traslada o apoio e colaboración do Goberno galego para o desenvolvemento dos proxectos que
figuran no plan de dinamización, que recolle un investimento de 17 millóns de euros
• Avanza que esta mesma tarde asinará o convenio de colaboración para actuacións na Área de
rehabilitación integral para Mondoñedo, que nesta convocatoria recibe máis fondos (400.000 euros)
por contar cunha Área Rexurbe
Mondoñedo (Lugo), 1 de decembro de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, felicitou ao Concello de Mondoñedo por ser o primeiro
municipio en completar a Área Rexurbe.
Recordou que esta figura, e os elementos que interveñen, está recollida na Lei de
rehabilitación de Galicia e que Mondoñedo -en febreiro de 2020- se converteu nun referente ao ser o
primeiro concello en declarar unha Área Rexurbe no conxunto da Comunidade, posición que refrendou
coa aprobación do Plan de dinamización e que agora pecha coa posta en marcha do Centro Rexurbe.
A conselleira de Medio Ambiente mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Mondoñedo,
Manuel Otero, para analizar os proxectos en materia de rehabilitación no concello; e onde tamén
puido saudar as tres traballadores deste “motor e cerebro” desde o que se impulsarán todas aquelas
iniciativas, proxectos e programas para dinamizar este ámbito de 0,45 km2, que discorre o conxunto
histórico, unha zona contigua dos Remedios e a rúa Álvaro Cunqueiro.
Así, “Mondoñedo conta cunha xanela única” na que centralizar e desde a que impulsar os
proxectos que recolle a folla de ruta da Área Rexurbe, o plan de dinamización, que prevé un
investimento de 17 millóns de euros ata o ano 2024.
Nese sentido, brindou o apoio e a colaboración dos distintos departamentos da Xunta para
acceder aos recursos públicos e convocatorias de axuda, pois as intervencións da Área Rexurbe van
máis alá da recuperación arquitectónica e urbanística, pois tamén aposta pola dinamización social,
cultural, económica do ámbito de intervención.
Novo convenio ARI
A conselleira de Medio Ambiente adiantou que esta mesma tarde asinará coa ministra de
Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e os 22 concellos beneficiarios os
convenios de 2021 para actuacións nas áreas de rehabilitación integral, entre os que se atopa
Mondoñedo.
Recordou que -por contar cunha Área Rexurbe- obtivo unha maior puntuación á hora de realizar
o reparto dos fondos e recibirá 400.000 euros para poñer en marcha actuacións que melloren o estado
actual dos edificios que se integran na única ARI de Mondoñedo, Casco histórico e barrios de San
Lázaro e Os Muíños.
Ángeles Vázquez destacou que o Goberno galego leva anos comprometido e apostando pola
rehabilitación das vilas galegas, con diferentes liñas de actuación e incentivos dos que “Mondoñedo
pode dar boa conta”.
A conselleira citou que este concello da Mariña está a executar os fondos consignados ao
abeiro de anteriores convenios ARI (0,82 M€); foi incluído no Programa Rexurbe, polo cal se
adquiriron 13 inmobles para rehabilitar e facilitar vivenda en alugueiro, solicitou varias axudas
do Programa de vivendas de titularidade municipal (antigo programa de vivendas de mestres) por un
importe global de máis de 65.000 euros, e tamén solicitou un préstamo (de 450.000 euros) ao abeiro
do Fondo de Cooperación, para adquirir e rehabilitar o inmoble número 9 da Avenida das Lucas.
Nese sentido, o alcalde de Mondoñedo agradeceu a implicación e traballo realizado pola
Consellería para “dinamizar no só o casco histórico, senón outras zonas do concello”; unha
revitalización que tamén se fai desde o punto de vista social, comercial e cultural, ao recuperar
edificios para o uso público e vivendas.
En definitiva, estas cifras poñen de manifesto o compromiso de Mondoñedo por mellorar o seu
patrimonio edificatorio e a súa implicación co obxectivo do Goberno galego de potenciar a
rehabilitación como instrumento para acceder a unha vivenda digna.