Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA 30.000 METROS CADRADOS DE SOLO EMPRESARIAL EN SANTIAGO, NEGREIRA, CARBALLO, VIVEIRO, O PEREIRO DE AGUIAR E MOS

• A superficie vendida por Xestur nos polígonos destes concellos foi adquirida por un prezo bonificado global de máis de 1,1 millón de euros
• Son un total de 8 parcelas, grazas as que o ano 2021 pechará coa venda dun cento no conxunto dos parques galegos de titularidade autonómica


Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021.-
A Xunta de Galicia acaba de adxudicar preto de 30.000 metros cadrados de solo empresarial distribuídos en 8 parcelas emprazadas en 6 parques: A Sionlla (Santiago de Compostela), Negreira, Carballo, Viveiro, O Pereiro de Aguiar e Mos.

O prezo de venda do conxunto das parcelas supera os 2 millóns de euros, despois de aplicar unha bonificación de máis de 1,1 millóns de euros, segundo aprobou esta semana a comisión executiva de Xestur.

No caso dos terreos da Sionlla, adxudicáronse dúas parcelas que suman 17.880 m2 a unha empresa de grúas, plataformas elevadoras e servizo de transporte, que desexa ampliar as súas instalacións, e a outra a un negocio de embalaxes. O importe de adxudicación ascendeu a 1,5 millóns de euros, tras aplicarlle unha bonificación de case 650.000 euros.

No parque empresarial de Negreira adxudicouse unha parcela de 1.145 m2 que o comprador destinará a unha carpintería. O importe de venda foi de 81.520 euros, tras aplicarlle unha bonificación de 23.700 euros.

Tamén na provincia da Coruña, en Carballo, adxudicouse unha parcela de 2.028 m2 por un importe de 81.520 euros, tras aplicarlle unha bonificación dun 50%. A empresa dedícase á mecanización de perfís de aluminio.

En Viveiro, unha empresa de comercialización de produtos sanitarios e xeriátricos e outra de aparellos eléctricos de calefacción adquiriron dúas parcelas, que suman 4.774,10 m2, polas que abonarán o 50% do prezo e quedará en 170.389,83 euros.

Asemade, unha empresa de fabricación e montaxe de estruturas metálicas adquiriu no Pereiro de Aguiar unha parcela de 1.461 m2, pola que pagará 58.440 euros, tras aplicarlle unha bonificación dun 50%.

Por último en Mos, Xestur aprobou a venta dunha parcela de 2.570 m2 por un prezo de 291.000 euros, tras aplicarlle un desconto de 124.902 euros. A empresa que se instalará nesta superficie dedícase á fabricación de sistema de desalinización por osmose inversa.

A Xunta, a única que bonifica a venda de solo
Este ano, o Goberno autonómico xa adxudicara 92 parcelas, ás que agora se suman as 8 aprobadas por Xestur, polo que o 2021 se pecha coa adxudicación dun cento de parcelas, que comprenden un total de 267.000 m2.

Cómpre salientar que a Xunta é a única promotora de solo empresarial da Comunidade que desde 2015 aplica descontos sobre o prezo de venda en todas as parcelas da súa titularidade. Estes son do 50% en todos os parques das provincia de Lugo e Ourense, ademais dos emprazados en Ferrolterra, Costa da Morte e fronteira con Portugal. No resto a bonificación é do 30%.

 

Concello

Parcelas

Superficie adquirida

Importe da bonificación

Santiago (A Sionlla)

2

17.880

647.562

Negreira

1

1.145

23.701,50

Carballo

1

2.028

81.568,54

Viveiro

2

4.774,10

170.389,43

Pereiro de Aguiar

1

1.416

58.440

Mos

1

2.570

124.902

Total

8

29.813,10

1.106.563,47