• A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda porá á venda 14 parcelas das fases xa
rematadas e 27 da 3ª fase, cuxas obras de urbanización serán adxudicadas en breve
• Ángeles Vázquez salienta a función de polo empresarial das Gándaras, no que a Xunta
mobilizou 53 millóns de euros para actuacións executadas ou en curso, un parque do que xa se
venderon 257.000 m2 que xeraron un aforro de máis de 12 millóns de euros
• A conselleira destaca que os empresarios apostan pola Comunidade, onde a Xunta adxudicou
93 parcelas en 21 parques empresariais e, especialmente, por Lugo, xa que un terzo das parcelas
vendidas localízanse en sete parques da provincia
• Avanza que en 2022 o Goberno galego manterá este esforzo e apoio para xerar oportunidades,
grazas á mobilización de 34 millóns de euros para reforzar o solo empresarial
Lugo, 28 de decembro de 2022.- A Xunta convocará no primeiro trimestre de 2022 o
concurso de venda de solo no parque empresarial das Gándaras, co que se disporán 88.000 m2 para a
instalacións de empresas.
Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles
Vázquez, que visitou esta zona empresarial e fixo entrega ao Concello de Lugo -representado pola
alcaldesa, Lara Méndez- das obras de urbanización da segunda fase.
Vázquez Mejuto salientou a función de polo empresarial das Gándaras non só para a provincia
de Lugo, senón tamén para Galicia e destacou o compromiso do Goberno galego con esta área
empresarial á que xa ten destinado 53 millóns de euros para actuacións executadas ou en curso.
Detallou que na actualidade neste parque hai dispoñibles 14 parcelas nos ámbitos xa
urbanizados, que representan unha superficie de case 52.000 m2, ás que se suman as 27 que
resultarán tras a execución das obras de urbanización da 3ª fase. Nese sentido, avanzou que o
Instituto Galego da Vivenda e Solo prevé adxudicar en breve esta actuación, que permitirá crear
unha bolsa de solo de case 36.000 m2, unha praza de máis de 3.000 m2 e case 140 prazas de
aparcamento.
A conselleira de Medio Ambiente recordou que este solo empresarial tamén se porá á venda cun
prezo bonificado dun 50%, e engadiu que os empresarios que adquiriron 257.000 m2 neste parque da
cidade de Lugo, xa se beneficiaron destes descontos cos que aforraron máis de 12 millóns de euros.
Vázquez Mejuto defendeu que este tipo de medidas son un atractivo para que as empresas
aposten por Galicia. De feito, no ano 2021, a Xunta adxudicou 93 parcelas en 21 parques
empresariais, que se traduciu nun aforro para os empresarios de 9,7 millóns de euros. “Tendo en
conta que un terzo das parcelas adxudicadas (34) estaban localizadas nun parque empresarial de Lugo
(7), o interese e potencial dos empresarios por esta provincia é patente”, aclarou.
Indicou que a Xunta é a única administración que aplica -desde o ano 2015- este tipo de
incentivos, cun resultado moi positivo: a adxudicación de máis de 2,3 millóns de euros por un
importe de 70 millóns de euros. Manifestou que no vindeiro ano se manterá este esforzo, grazas á
habilitación dunha partida específica de 7,5 millóns de euros para incentivar a adquisición de solo
empresarial, promovido polo Goberno galego.
Asemade, recordou que tamén se levarán a cabo actuacións para mellorar ou ampliar parques
empresarias en activo, grazas a un investimento de 27 millóns de euros. Aclarou que se actuará
tanto en parques próximos ás áreas metropolitanas, como o de Morás en Arteixo, como nos localizados
en concellos rurais, como en Xinzo, Paderne de Allariz ou Pontecesures.
Aclarou que -dese total- a provincia de Lugo recibirá 6 millóns de euros para actuar -ademais
de no parque das Gándaras- no Corgo, Muimenta, Cospeito, Palas de Rei, Castro de Ribeiras de Lea, A
Pontenova e Taboada.
Por último, explicou que a implantación de empresas nos parques empresariais galegos está
motivada tamén pola dilixencia e axilidade que o IGVS aplica na tramitación dos distintos
expedientes das actuacións que se levan a cabo, tal e como puido comprobar a última das entidades
que adquiriu solo nas Gándaras. “Esta simplificación e axilidade aínda se acentuará e blindará máis
no ano 2022, defendeu, coa aprobación da primeira Lei de áreas empresariais de Galicia, que
converterá a esta comunidade na primeira do Estado en contar cunha normativa específica.