• Este proceso dá continuidade ao concurso público de venda convocado en xuño deste ano, polo
que se manteñen as mesmas condicións deste ámbito empresarial ao sur da Comunidade
• O prezo base do solo oscila entre os 53,21 €/m2 das parcelas de máis de 20.000 m2 e os
71,71 €/m2 do resto, importes que rexerán ata o 30 de abril de 2022
Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia abre por
primeira vez o proceso para a adquisición directa de solo empresarial na Plataforma loxística e
industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan). Deste xeito, as persoas e empresas interesadas
xa poden adquirir superficie de xeito directo, en réxime de compravenda ou en dereito de
superficie.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo publica hoxe na súa páxina web a resolución pola que se
inicia a comercialización directa, en total, de 38 parcelas, que suman algo máis de 276.000 m2
nesta área empresarial no sur de Galicia.
Este proceso dá continuidade ao concurso público de venda, convocado o pasado mes de xuño,
das parcelas da zona loxística empresarial, polo que se manteñen as mesmas condicións ofertadas.
Así, o prezo base do solo oscila entre os 53,21 €/m2 das parcelas de máis de 20.000 m2 e os
71,71 €/m2 do resto. No caso de optar polo acceso en dereito de superficie —unha modalidade de
adxudicación a cambio dun canon anual moi reducido e con opción de compra—, o prezo mínimo fixado
na poxa deste ano é de 0,79 €/m2. A vixencia da taxación das parcelas estará vixente ata o 30 de
abril de 2022.
Cómpre sinalar que estas cifras son similares aos prezos bonificados do resto de solo
empresarial da Xunta de Galicia, unha nova mostra do traballo intenso para comercializar a
superficie dispoñible na Plisan a importes competitivos.
Na web do IGVS, ademais de poder consultar a relación de 38 parcelas coa superficie e o prezo
de venda, tamén se pode acceder ao modelo de solicitude e as obrigas que deben cumprir os
adxudicatarios.
Terceira comercialización, primeira venda directa
En xuño de 2021, a Xunta convocou a segunda poxa pública para a adquisición de solo na área
loxística empresarial da Plisan, o que permitiu a adxudicación dunha parcela de máis de 2.600 m2.
Esta foi a segunda vez que se comercializou despois da convocatoria do ano 2019, a cal se pechara
coa adxudicación de 5 parcelas.
O desenvolvemento, e equipamento, desta plataforma loxística conta cun investimento superior
aos 231 millóns de euros. Un terzo dese orzamento —uns 97 millóns— investiuse nos traballos
técnicos, adquisición de terreos e obras de movementos de terra e da primeira fase dos sistemas
xerais; outros 20,6 millóns destináronse ás infraestruturas de saneamento e depuración das augas
(ETAP e EDAR) e á urbanización da Zona LE da primeira fase. O importe restante, 88,6 millóns, son
para actuacións previstas como a urbanización completa e as vías interiores.
Por último, cómpre lembrar que a Xunta tamén mobilizou directamente un investimento de case
25 millóns na conexión da Plisan coa AG-51.