Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA INCLUIRÁ A RIBADEO NA OFERTA PÚBLICA DE ADQUISICIÓN DE INMOBLES DO PROGRAMA REXURBE DESTE ANO

• Ángeles Vázquez indica que o IGVS prima a adquisición de inmobles nos concellos que contan cunha Área Rexurbe declarada, como é o caso deste municipio
• Sinala que algún dos obxectivos desta nova figura en Ribadeo é o de abrir o centro histórico ao porto, mediante a rexeneración dos espazos verdes, así como adecualo aos distintos sectores de idade de poboación


Ribadeo (Lugo), 11 de xaneiro de 2022
.- A Xunta incluirá ao concello de Ribadeo na oferta pública para a compra de inmobles do Programa Rexurbe deste ano. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá este obxectivo do Instituto Galego da Vivenda e Solo, durante unha visita ao ámbito da nova Área Rexurbe do municipio, a quinta de Galicia -xunto coa de Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia e Tui- e a segunda da Mariña lucense.

Así, na liña de actuación dos anos anteriores, a Xunta primará a adquisición de inmobles naqueles concellos nos que se teña declarado unha Área Rexurbe, co fin de rehabilitalos e facilitar vivenda pública. Segundo adiantou a resolución da última oferta -a de 2021- emitirase en breve, grazas a cal se adquiriron inmobles nos concellos da Coruña, Ribadavia e Tui.

Explicou que así se reforza o traballo que os concellos, neste caso o de Ribadeo, pretenden executar ao abeiro da Área Rexurbe, e cuxos obxectivos quedarán recollidos no Plan de Dinamización, que agora debe redactar o Concello. Recordou que conta cunha guía-modelo, elaborado polo IGVS en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos e a Universidade de Santiago, para redactar o que será o instrumento de planificación onde se indicará o custo estimado das actuacións e as fontes de financiamento para levalas a cabo.

Nese sentido, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegurou que o Concello asumirá agora o traballo que queda por diante e de xeito inmediato impulsará o Plan de dinamización para que os resultados se poidan ver canto antes.

Ribadeo, a quinta Área Rexurbe
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recordou que a quinta Área Rexurbe de Galicia, a de Ribadeo, abrangue un ámbito de 407.000 m2, onde se identificaron 1.059 edificios e 1.390 vivendas, e é coincidente co ámbito do Plan especial de protección e rehabilitación do conxunto histórico, aprobado polo Concello en maio de 2021 e financiado nun 90% (381.500 euros) pola Consellería de Medio Ambiente.

Vázquez Mejuto felicitou aos responsables do Concello por marcarse o obxectivo de abrir o centro histórico ao porto, mediante a rexeneración dos espazos verdes, e adecualo aos distintos sectores de idade de poboación e sobre todo para conectalo co mercado local e de servizos.

Así, na proposta pola que se declarou a Área Rexurbe recóllense unha serie de metas, como a recuperación e potenciación das zonas verdes na rúa Virxe do Camiño e ao carón da Capela co mesmo nome, inmoble que podería servir coma sala de exposicións ou centro cultural; ou reparar as patoloxías no castelo de San Damián, elemento declarado ben de interese cultural.
A conselleira de Medio Ambiente destacou que as accións da Área Rexurbe reforzarán o traballo das dúas áreas de rehabilitación integral declaradas: o conxunto histórico da Vila de Ribadeo e o núcleo de Rinlo. De feito, entre o convenio en execución e o reparto de 2021, ao concello xa lle foron asignados máis de 650.000 euros.

Ademais, é tamén un dos municipios que se pode acoller aos recursos incluídos na ARI supramunicipal dos Camiños de Santiago, xestionada directamente pola Xunta. Precisamente, en 2021 tres solicitantes recibiron axudas por un importe global de preto de 15.000 euros.