Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA AVANZA NA CONSTRUCIÓN DE 24 VIVENDAS PROTEXIDAS NO BARRIO COMPOSTELÁN DO CASTIÑEIRIÑO CO OBXECTIVO DE QUE ESTEAN REMATADAS O VINDEIRO ANO

• Os traballos, nos que o Goberno galego inviste 4,26 M€, teñen un prazo de execución de ano e medio e porán á disposición da veciñanza vivendas de entre 2 e 4 dormitorios, con 2 baixos comerciais, 24 rochos e 50 prazas de garaxe
• Ángeles Vázquez subliña que grazas a esta actuación e ás dúas promocións licitadas en Lamas de Abade, Santiago reforzará o seu parque público residencial con 60 VPP
• A Xunta destinará este ano un orzamento de 8,5 M€ para impulsar a construción de 328 pisos promovidos polo IGVS nas grandes cidades


Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022
.- As obras impulsadas pola Xunta de Galicia para construír 24 novas vivendas de promoción pública (VPP) no barrio compostelán do Castiñeiriño avanzan a bo ritmo co obxectivo de que no verán do vindeiro ano poidan estar totalmente rematadas.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, estiveron esta mañá no solar pertencente ao SUNP-13 de Santiago sobre o que se está a levantar o novo edificio, unha promoción na que a Xunta inviste 4,26 millóns de euros entre proxectos, obra e urbanización.

Tal e como puideron comprobar sobre o terreo, actualmente estanse executando os muros de pantalla en todo o perímetro da planta que albergará os garaxes. Os traballos, que comezaron a finais de decembro, teñen un prazo de execución de ano e medio e porán a disposición dos composteláns 24 vivendas de entre 2 e 4 dormitorios —das cales seis estarán adaptadas para persoas con algunha discapacidade—, nun edificio de planta baixa e tres andares.

O inmoble contará cun total de 5.411,51 m2 de superficie construída, dos cales preto de 3.000 m2 irán destinados a albergar as 24 vivendas e o mesmo número de rochos. Ademais, 645,89 m2 repartiranse entre dous baixos comerciais e haberá dúas plantas soto para albergar 50 prazas de garaxe.

Este novo edificio, como explicou a conselleira, virá reforzar o parque público residencial de Santiago, onde o IGVS tamén ten previstas dúas novas promocións na zona de Lamas de Abade, que suman un total de 36 vivendas protexidas. A este respecto, lembrou que o mes pasado a Xunta licitou a redacción de ambos proxectos e mais o servizo de dirección das futuras obras por un importe global de 271.463 euros. As empresas interesadas aínda poden presentar ofertas ata o vindeiro 7 de marzo.

Neste sentido, Ángeles Vázquez incidiu en que, grazas a esta actuación e ás dúas promocións en licitación no barrio de Lamas de Abade, a Xunta impulsa este ano a construción de 60 VPP co fin de reforzar o parque público da capital galega. A tal fin, lembrou que os orzamentos da Consellería para 2022 prevén un investimento de 3,5 millóns de euros para avanzar nos proxectos residenciais do SUNP-12 e do SUNP-13.

En todo caso, a conselleira explicou que Santiago non será a única cidade na que o IGVS ten previsto impulsar a promoción de novas VPP este ano. Así, o Goberno autonómico mobilizará un investimento de 8,5 millóns de euros para promover a construción dun total de 328 pisos—incluídas as vivendas do Castiñeiriño e tamén as proxectadas en Lamas de Abade— nas grandes urbes galegas, que son, precisamente, os municipios nos que se concentra a maior demanda residencial.