- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que “despois das altas
expectativas creadas polo Goberno central, menos de 4.000 xoves, dos 280.000 que poderían acceder,
contarán con este incentivo”
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2022.- A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lamentou hoxe que o Bono estatal de alugueiro para mozos “
apenas vaia chegar ao 1,4% dos posibles beneficiarios de Galicia”.
“Despois das altas expectativas creadas polo Goberno central, ao final só menos de 4.000
xoves, dos 280.000 que poderían facelo polo seu tramo de ingresos, accederán a este incentivo”,
sinalou a conselleira, en base aos cálculos que fixo a Xunta “por agora só coa información
publicada no Boletín Oficial do Estado”.
Neste sentido, tendo en conta que corresponderá á Administración autonómica a ordenación,
instrución, tramitación, resolución e pago das axudas, Ángeles Vázquez lembrou que “as comunidades
seguen sen ser informadas directamente“.
Así, instou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a que celebre “canto
antes” unha conferencia sectorial, co fin de chegar a un acordo sobre as bases da convocatoria e
decidir o reparto dos fondos, ao igual que os do Plan estatal de vivenda.
“Despois de aprobar as medidas ás nosas costas e sen atender ás nosas alegacións, esiximos
que se teña en conta ás comunidades autónomas agora que temos que poñelas en práctica”, abundou a
conselleira.
Por último, aproveitou para subliñar “o bo traballo da Xunta” co Plan estatal de vivenda
2018-2021, que contou cunha dotación de 106,5 millóns de euros e dos que o 100% están xa
comprometidos a través das convocatorias publicadas ao longo do período de vixencia.