-
Estas novas promocións residenciais virán reforzar o actual parque público da cidade e
sumaranse ao edificio de 24 vivendas que xa se está edificando no barrio do Castiñeiro
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022.- A Xunta de Galicia acaba de licitar
a redacción dos proxectos para construír a través de dúas promocións un total de 36 novas vivendas
de promoción pública (VPP) na zona de Lamas de Abade, en Santiago. Os dous contratos, por un
importe global de 271.463 euros e aos que se poden presentar ofertas ata o 7 de marzo, inclúen
tamén o servizo de dirección das futuras obras.
En concreto, o desenvolvemento previsto neste ámbito dividirase en dúas promocións que se
executarán á vez: unha na parcela BB3, integrada por 24 VPP e cuxo proxecto foi licitado por
175.662,11 euros, IVE incluído; e a outra na BB5, con 12 VPP e un orzamento de licitación de
95.800,89 euros con IVE.
Coincidindo coa licitación dos proxectos, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS),
Heriberto García, achegáronse esta semana ata os terreos nos que están proxectadas as novas
vivendas, pertencentes ao SUNP-12 de Santiago.
Os dous edificios de Lamas de Abade reforzarán o parque público residencial da capital galega
e se sumarán ademais á nova promoción que xa está en marcha no barrio do Castiñeiro, unha das zonas
de maior expansión da cidade. Así, cómpre lembrar que o IGVS promove no SUNP-13 de Santiago a
construción de 24 VPP, un contrato adxudicado o ano pasado por 3,3 millóns de euros e cuxas obras
comezaron a finais de decembro.
Neste caso, o proxecto construtivo prevé un edificio integrado por vivendas de entre dous e
catro dormitorios e composto por planta baixa e tres andares. O inmoble contará con 2.581 m2 útiles
destinados ás 24 VPP e cun local de máis de 600 m2, ademais de rochos e dúas plantas soto para
albergar os garaxes.
Os orzamentos da Consellería para 2022 prevén un investimento de 3,5 millóns de euros para
desenvolver un total de 60 novas VPP nos SUNP-12 e SUNP-13 co obxectivo de poñer a disposición dos
composteláns máis vivendas protexidas.