Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A COMISIÓN PROVINCIAL DE VIVENDA APROBOU A LISTA DEFINITIVA FIRME DE ADXUDICATARIOS DE 32 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA CONSTRUÍDAS EN A PEROXA, OURENSE

-     Estará exposta na web do IGVS e no taboleiro da xefatura provincial do IGVS en Ourense durante o prazo dun mes.

-    Contra esta lista non se poden presentar recursos administrativos, quedando aberta a vía do contencioso-administrativo.

Santiago, 5 de febreiro de 2010.- A Comisión Provincial de Vivenda aprobou hoxe a lista definitiva firme de adxudicatarios e de espera das 32 vivendas de promoción pública construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en A Peroxa (Ourense).

A lista definitiva firme permanecerá exposta durante un mes na web do IGVS (http://igvs.es/web/actuamos/adxudicacion-sorteos-vpp) e no taboleiro da xefatura provincial do IGVS en Ourense. Con esta lista remata a tramitación administrativa da mesma, polo que non caben reclamacións nin recursos administrativos, quedando aberta a vía do recurso contencioso-administrativo para os interesados que se consideren prexudicados.

As vivendas emprázanse nun solar de 7.495 metros cadrados que o Concello da Peroxa dotou de todos os servizos urbanísticos. As 32 vivendas, unifamiliares, están divididas en catro grupos de oito, once, nove e catro vivendas respectivamente.

Cada vivenda dispón de planta baixa, na que se atopan salón, cociña, aseo, tendedeira e garaxe, e planta superior na que hai tres dormitorios e dous baños. No espazo baixo o tellado existe un rocho e os cuartos de instalacións de enerxía solar con que están dotadas as vivendas.

Tódalas vivendas teñen 90 metros cadrados se superficie útil, ademais de 20 metros cadrados de garaxe e seis metros cadrados de rocho.

Exteriormente as vivendas están revestidas de morteiro monocapa, dispoñendo de carpintería exterior de aluminio lacado con dobre cristal, carpintería interior en madeira de sapeli vernizada, parqué flotante con acabado de carballo no solo de dormitorios e salón e calefacción e auga quente con captadores de enerxía solar e caldeira mural a gas.

O investimento total realizado polo IGVS na construción destas 32 vivendas acadou os 3.089.008,48 euros.