Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O sorteo realizarase o vindeiro luns, 15 de febreiro, nas dependencias da xefatura provincial do Instituto da Vivenda en Pontevedra

O IGVS SORTEA 31 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA CONSTRUÍDAS EN VILAGARCÍA DE AROUSA E 15 EN RIBADUMIA

-     Entrarán no sorteo todos os inscritos no Rexistro de Demandantes antes do 27 de xaneiro, data en que a Comisión Provincial de Vivenda acordou iniciar o procedemento de adxudicación.

Santiago, 11 de febreiro de 2010.- O sorteo de 31 vivendas de promoción pública en Vilagarcía de Arousa e 15 en Ribadumia construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, realizarase o próximo luns, 15 de febreiro, nas dependencias da xefatura provincial do IGVS en Pontevedra.

O procedemento para a adxudicación das 46 vivendas que se atopan en construción foi acordado pola Comisión Provincial de Vivenda na súa última reunión, celebrada o pasado 27 de xaneiro.

No sorteo entrarán todos os inscritos no Rexistro de Demandantes con anterioridade a data de dita reunión (27 de xaneiro).

Vilagarcía de Arousa

En Vilagarcía de Arousa trátase de 31 vivendas de promoción pública, baixo a modalidade de aloxamentos protexidos, nas que o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a investir un total de 2.344.927,23 euros, aos que hai que sumar 359.130,49 euros destinados á construción do centro de día que ocupará os baixos do edificio.

A meirande parte dos aloxamentos protexidos construídos en Vilagarcía de Arousa dispoñen de un dormitorio e unha superficie útil de 40 metros cadrados. En total son 27 os aloxamentos destas características, mentres os 4 restantes teñen dous dormitorios e unha superficie útil de 50 metros cadrados.

Ribadumia

No caso de Ribadumia son 15 vivendas as vivendas de promoción pública que están sendo construídas polo IGVS en Barrantes, cun investimento de 1.456.797,72 euros.

Catro das vivendas dispoñen de catro dormitorios, cunha superficie útil de máis de 85 metros cadrados; oito teñen tres dormitorios e superficie útil entre 71 e 77 metros cadrados e outras tres teñen dous dormitorios e superficie útil superior a 60 metros cadrados. Tódalas vivendas contan con estar-comedor, cociña, baños, trasteiro e praza de garaxe.

As vivendas contan con carpintería exterior de aluminio anodizado e interior de taboleiro DM pintado, con porta blindada de madeira de pino na entrada.

Tódalas vivendas contan con calefacción por chan radiante e auga quente sanitaria individual, con caldeira de gasóleo individual. O edificio está dotado de paneis captadores de enerxía solar para a produción de auga quente.