Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA PERMITE GAÑAR UN CARRIL DE CIRCULACIÓN E AO REDOR DE 60 PRAZAS DE APARCAMENTO CO RETRANQUEO DO PERÍMETRO DAS OBRAS DA ZONA VERDE DE SAN PAIO DE NAVIA

-         A delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, acompañada do director xeral do IGVS, Antonio Boné, e do xerente de Xestur, Javier Domínguez, comprobou esta mañá que as obras para rematar o gran parque verde avanzan a bo ritmo.
-         Molares recordou que a Xunta xa ten investidos en total máis de 90 millóns de euros en San Paio de Navia, dos que 7 corresponden á zona verde.
 
Vigo, 09 de febreiro de 2011.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares; o director xeral do IGVS, Antonio Boné e o xerente de Xestur Pontevedra, Javier Domínguez, comprobaron esta mañá a evolución das obras do gran parque verde de San Paio de Navia, unha zona que ocupa case unha superficie de 90.000 metros cadrados onde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas xa ten investidos 7 millóns de euros despois de ter que afrontar varios modificados do proxecto inicial.
 
Na visita, a delegada recordou que tras os problemas económicos que atravesou a empresa á que foi adxudicada a obra, a Xunta tivo que facer fronte á rescisión do contrato e que tan só 20 días despois produciuse a nova adxudicación á empresa Movexvial co fin de poder rematar os traballos por un importe de 700.000 euros.
 
Molares constatou que nestes momentos se está a traballar “intensamente”, sobre todo en aspectos coma a xardinería, instalacións de enerxía solar –en total contará con 244 placas fotovoltaicas-, electricidade e pavimentando. “A obra marcha ben”, considerou a delegada, quen aproveitou para anunciar que a Xunta levará a cabo unha actuación que permitirá gañar espazo para os veciños e veciñas de Navia e que pasa polo retranqueo do perímetro das obras colocado na rúa do Limpiño co fin de desprazar a valla actual e gañar así un carril de circulación e ao redor de 60 novas prazas de aparcamento. “Moveremos a valla que rodea esta obra do parque para que os cidadáns poidan utilizar os dous carrís de circulación da rúa Limpiño e teñan espazos de aparcamento”, dixo.
 
A representante da Administración autonómica na cidade explicou así que a Xunta “está investindo en Navia” e recordou que ata o momento o Goberno galego realizou un desembolso de 90 millóns de euros na zona de San Paio de Navia. “Neste parque verde son xa 7 millóns”, reiterou, engadindo que tras atopar “problemas alleos” á actual Xunta “o importante é rematalo. Esperamos telo listo nunhas semanas”, dixo, matizando que aínda quedan traballos de axardinamento e prantación de árbores e céspede que se teñen que levar a cabo “na época que recomendan os expertos”.
 
Carteis
Por último, e a preguntas dos medios de comunicación, Molares fixo mención aos carteis que a Alcaldía de Vigo colocou en terreos de San Paio de Navia. “Un deles está colocado ao lado dun uso dotacional deportivo que ten que arranxar o Concello, ao igual que o mantemento das zonas verdes que lle corresponde. Isto soamente pon de manifesto que o alcalde engana á cidadanía cando a través deses carteis, pagados con diñeiro público, está a dicir que é a Xunta a que non arranxa o que ten que arranxar o Concello”, concluíu.