Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O CONSELLO DA XUNTA APROBA O DECRETO POLO QUE A NORMATIVA GALEGA DE ENTIDADES E LABORATORIOS DE CONTROL DE CALIDADE SE ADAPTA Á DIRECTIVA EUROPEA DE SERVIZOS

-         Unha “declaración responsable” substituirá a obriga de acreditación das entidades e laboratorios de control.
-         Esta declaración habilitará as empresas para ofrecer os seus servizos en todo o territorio español.
.         O IGVS será o organismo encargado de recibir as declaracións responsables das empresas con domicilio social nesta comunidade autónoma e do seu control.
-         As empresas inscribiranse no Rexistro de laboratorios e entidades de control da calidade da edificación con sede na Comunidade Autónoma de Galicia
 
Santiago, 17 de febreiro de 2011.- As entidades e laboratorios de control de calidade na edificación con domicilio social en Galicia e que desexen exercer a súa actividade deberán cumprir as condicións que regula o decreto aprobado hoxe polo Consello da Xunta de Galicia polo que se regulan as condicións xerais exixibles para o inicio da actividade das entidades e dos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación e a súa inscrición no rexistro correspondente.
 
O presente decreto, que substituirá os que regulaban os laboratorios e as entidades de control de calidade, é froito da adaptación da normativa galega e estatal ás disposicións europeas en materia de servizos no mercado interior da Unión Europea.
 
Co novo Decreto substituirase a obriga de acreditación das entidades e laboratorios de control de calidade na edificación pola declaración responsable destes.
 
Ata o de agora as entidades e laboratorios de control de calidade estaban obrigadas a acreditarse en cada comunidade autónoma na que desexasen prestar os seus servizos, mentres que a normativa europea obriga a establecer un sistema que permita as ditas entidades e laboratorios ofrecer os seus servizos en calquera lugar de España.
 
Ao mesmo tempo, a directiva comunitaria (Directiva 2006/123/CEE) obriga a substituír a acreditación pola declaración responsable.
 
Isto supón que as entidades e laboratorios de control non terán que acreditar que cumpren os requisitos antes da súa inscrición no rexistro, senón que a administración controlará ese cumprimento despois da presentación da declaración responsable, que habilita as empresas para prestar os seus servizos non só en Galicia senón en calquera outro lugar de España.
O organismo competente en Galicia para a recepción da declaración responsable e o seu control será o Instituto Galego da Vivenda e Solo.
 
O decreto aprobado hoxe polo Consello da Xunta establece cales serán os requisitos esixidos aos laboratorios de ensaio e ás entidades de control de calidade que teñan domicilio social na nosa comunidade autónoma, así como os mecanismos para a inscrición no Rexistro de laboratorios e entidades de control da calidade da edificación con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.