• As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Emprego e Igualdade asinan o
convenio de colaboración que permite a convocatoria das axudas para facilitar a estas persoas un
alugueiro e axudalas a continuar coa súa vida
• Vázquez sinala que a pesar de que as bases establecen importes máximos de axuda, o Goberno
galego decidiu asumir o 100% do custe do alugueiro, pois as circunstancias sociais derivadas da
pandemia así o esixen
• Lorenzana destaca que a medida permite a moitas mulleres e familias dar o primeiro paso
cara un futuro novo e libre e lembra outras medidas económicas coas que a Xunta acompaña ás
mulleres vítimas de violencia de xénero
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia habilita unha
liña de axudas con máis de dous millóns de euros para ofrecer unha oportunidade e garantir a
autonomía e independencia ás vítimas da violencia de xénero, garantíndolles o acceso a un fogar. A
conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Emprego e
Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que permite manter
a concesión de axudas ao alugueiro para as vítimas de violencia de xénero.
Así, nas vindeiras semanas o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá formalizar unha
convocatoria específica para o presente exercicio no Diario Oficial de Galicia. Salientou que esta
medida concreta está incluída no Bono de Alugueiro Social, convocado o pasado 21 de xaneiro, e
posto en marcha en 2015 e que a día de hoxe permite garantir unha vivenda a máis de 500 familias.
A conselleira de Medio Ambiente defendeu que apoiar as vítimas de violencia de xénero, así
como aos seus fillos e fillas no acceso a unha vivenda, supón darlles unha oportunidade de para
comezar unha nova vida na que sexan capaces de recuperar a capacidade de tomar decisións sen
temores e medos e con total e absoluta independencia.
Vázquez Mejuto explicou que a concesión será por un período de 12 meses, prorrogable dúas
veces máis ata chegar a un máximo de tres anos. Poderase solicitar tamén unha axuda única
adicional, de ata 600 euros, que se destinará a atender as obrigas derivadas da constitución de
fianza e da alta en subministracións ou a facer fronte a pagos atrasados.
Lembrou que -segundo as bases- o bono de alugueiro terá un importe máximo de 225, 200 ou 175
euros, dependendo do concello no que se atope a vivenda, que equivale ao 50% da contía máxima que
pode acadar o prezo do alugueiro en cada zona. Así, a renda máxima será de 450 euros ao mes nas
sete grandes cidades; de 400 euros nos concellos de carácter urbano; e de 350 nos concellos de tipo
rural.
En todo caso, a Xunta tomou a decisión de asumir o 100% da renda do alugueiro das persoas
beneficiarias desta axuda, tal e como fixo en 2020; pois as circunstancias sociais derivadas da
pandemia da Covid-19 así o esixen, e hoxe son 187 persoas as que contan con esta axuda para comezar
unha nova vida.
Por último, a conselleira de Medio Ambiente recordou que esta medida está enmarcada no Pacto
Social pola Vivenda 2021-2025, que inclúe preto de 50 iniciativas coas que asegurar o acceso a unha
vivenda a 70.000 familias e mobilizar 1.080 millóns de euros.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, puxo en valor
este convenio de colaboración, xa que explicou que a separación física é o primeiro paso no proceso
emancipador, polo que apuntou que resulta clave que a administración pública oferte unha
alternativa neste senso. “Este convenio permite a moitas mulleres e familias dar o primeiro paso
cara un futuro novo e libre”, engadiu.
Outros apoios económicos
Indicou, así mesmo, que o seguinte paso marcarao a independencia e autosuficiencia económica
das vítimas, para o que lembrou que a Xunta de Galicia tamén conta con programas de axudas directas
e de integración socio-laboral. Lorenzana afirmou que as medidas económicas para acompañar ás
vítimas de violencia de xénero reforzáronse este ano nun 10,2%, o que permitirá por a disposición
das mulleres 30,2 millóns de euros. A conselleira de Emprego e Igualdade, así mesmo, sinalou que
continúa activo o Plan de reforzo para o apoio ás mulleres vítimas de violencia machista, que,
entre outras medidas, contempla a ampliación do bono de alugueiro social, asumindo a Xunta de
Galicia o pagamento do 100% durante todo o Estado de Alarma.
Por último, referiuse ás vítimas de trata con fins de explotación sexual ás que a Xunta tamén
ten en conta, artellando medidas adicionais como sinaturas de convenios específicos coas entidades
que integran a Rede Galega contra a Trata, para posta en marcha de proxectos de atención de
emerxencia a vítimas de trata de seres humanos e/ou de explotación sexual.