• O Goberno galego denuncia que a modificación do Plan de vivenda 2018-2021, adoptada onte
no Consello de Ministros e que xa hoxe publica o BOE, é unha nova mostra de deslealdade ás
comunidades, que carecen de información
• O Instituto Galego da Vivenda e Solo lembra que esta nova medida non conta cunha liña
orzamentaria propia ou fondos específicos, o que obrigará aos gobernos autonómicos a retrotraer
fondos doutros programas do Plan
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021.- A Xunta de Galicia critica a actitude
do Goberno central ao aprobar de xeito unilateral as compensacións aos propietarios de inmobles, ou
arrendadores, pola suspensión dun desafiuzamento. Unha nova medida do Ministerio de Transportes,
Mobilidade e Axenda Urbana, ratificada onte polo Consello de Ministros e publicada xa hoxe no
Boletín Oficial do Estado, implica modificar unilateralmente o Plan de vivenda 2018-2021.
Para a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta decisión é unha nova mostra
de que o Estado continua a actuar unilateralmente, sen informar ás comunidades das medidas que
adopta en materia de vivenda, malia ser os gobernos autonómicos os que xestionan e tramitan os
distintos programas do Plan de vivenda.
Neste caso concreto, decide atribuír a xestión das medidas ás comunidades sen previa consulta
e sen facilitar información sobre como xestionar as compensacións ou sobre os fondos que se deben
reservar para o gasto que suporán.
Ademais, a Xunta tamén advirte de que que as compensacións aos propietarios de inmobles ou
arrendadores, pola suspensión dun desafiuzamento, non contan cunha liña de financiamento propia
dentro do Plan de Vivenda, nin o Estado prevé fondos específicos. Así, o IGVS vese na obriga de ter
que detraer partidas orzamentarias doutros programas para atender as posibles compensacións que se
aproben.
Asemade, cómpre recordar que se trata da segunda ocasión na que o Ministerio aproba un real
decreto para estas compensacións, pois xa en decembro de 2020 publicou un no que se fixaban as
devanditas contrapartidas. No mesmo indicábase que no prazo dun mes, a partir da entrada en vigor,
o Goberno aprobaría as medidas necesarias para que as comunidades puideran utilizar os recursos do
Plan estatal de vivenda 2018-2021.
Á vista da situación actual, a Xunta só pode lamentar a improvisación e falta de coordinación
do Goberno, unha situación de desinformación coas comunidades que arrastra desde hai seis meses, e
que agora implica ter que analizar polo miúdo e case sen tempo o Real Decreto que hoxe publica o
BOE, co fin de coñecer a regulación concreta.