• Ángeles Vázquez lembra que a Administración local dispón desde comezos de maio da
documentación completa relativa ás tres fases do proxecto
• Aclara que a venda da maioría das parcelas se realizará coa convocatoria dun concurso
público, aberto ás cooperativas e aos promotores, os cales poderán adquirir solo en réxime de
compravenda ou en dereito de superficie
Vigo, 19 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia planifica iniciar a urbanización da
ampliación de San Paio de Navia despois do verán. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que unha vez máis solicitou ao Concello de Vigo a necesaria
aprobación do proxecto.
A conselleira, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias,
mantivo unha reunión esta mañá coas cooperativas e empresas promotoras de vivenda, onde recordou
que desde comezos de maio o Concello de Vigo xa dispón da documentación completa correspondente ás
tres fases nas que se divide a urbanización.
A aprobación dos proxectos de urbanización facultará ao Instituto Galego da Vivenda e Solo a
levar a cabo a expropiación dos terreos que non se puideron adquirir mediante compravenda ou
permuta.
Unha vez aprobados inicialmente, o Concello terá que someter os proxectos das tres fases a
exposición pública durante o prazo dun mes, solicitando simultaneamente os informes sectoriais que
correspondan. Unha vez recibidos estes informes, a Administración local disporá dun máximo de tres
meses para proceder á aprobación definitiva dos mesmos.
“A Xunta leva moitos meses de traballo de planificación e de traballo administrativo, acorde
cos tempos e fases que marca a lei, pero toca actuar”, remarcou a conselleira. Nese senso, engadiu
que “setembro ten que ser un mes crucial para converter en algo práctico todo aquelo que é teoría”.
A reunión celebrada hoxe na Delegación Territorial da Xunta serviu para explicar ás
cooperativas e promotores a situación da ampliación de San Paio de Navia e as condicións que van a
rexer na adxudicación do solo a través dun concurso público de venda, despois de diversas
informacións publicadas sobre a constitución de cooperativas que pretenden construír vivendas neste
ámbito.
No encontro, Ángeles Vázquez clarificou aos presentes que a venda da maioría das parcelas se
realizará coa convocatoria dun concurso público, aberto ás cooperativas e aos promotores, os cales
poderán adquirir solo en réxime de compravenda ou en dereito de superficie.
Sinalou que as ofertas terán que acadar unha puntuación mínima no relativo á proposta
arquitectónica, co fin de coidar a calidade de deseño e de espazos do edificios, así como os
exteriores das parcelas. Tamén se apostará polo uso de materiais e sistemas que eviten o deterioro
prematuro, aproveitamento da luz natural, funcionalidade dos anexos ás vivendas e, sobre todo,
edificios cun marco carácter enerxético e sostible.
Ademais, avanzou que a previsión é que no último trimestre deste ano se publique o primeiro
concurso de venda de solo, o do polígono 1, o ámbito que acollerá o maior número de vivendas. Neste
espazo, aínda que hai preto de 27.000 m2 que xa están reservados para compensar as permutas
realizadas polos propietarios, ofertaranse máis de 85.000 m2 distribuídos en 116 parcelas. En
total, nesta primeira fase está programada a construción de 733 vivendas.
Unha superficie de 265.000 m2
A ampliación do solo residencial neste ámbito de Vigo permitirá, en conxunto, a construción
dunhas 1.600 novas vivendas protexidas na cidade, o que suporá un investimento de 250 millóns de
euros por parte de promotores públicos e privados sobre unha superficie de 265.000 m2 que, ademais
de inmobles, acollerán zonas verdes, superficies de uso terciario, máis de 1.000 prazas de
aparcamento e un carril bici de dous quilómetros.
Ángeles Vázquez insistiu unha vez máis na necesaria colaboración das administracións para
sacar adiante proxectos como o de San Paio de Navia e reiterou a dispoñibilidade do IGVS e da
Delegación Territorial de Vigo para solucionar todas as dúbidas.
Por último, a conselleira indicou que a Xunta ten unha folla de ruta clara e definida, na que
avanza con total transparencia e a axilidade ao seu alcance, para facer realidade a construción de
vivenda protexida na cidade galega con maior demanda residencial.