Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA LICITARÁ A COMEZOS DE 2022 AS OBRAS DE URBANIZACIÓN DO PRIMEIRO POLÍGONO DE SAN PAIO DE NAVIA

• Heriberto García avanza que este trámite realizarase “estean ou non aprobados os proxectos de urbanización polo Concello”, que xa demorara de forma inxustificada a aprobación do plan parcial
• Adianta tamén a próxima licitación da redacción dos proxectos de construción das primeiras 80 vivendas de promoción pública
• Cómpre lembrar que a Xunta xa leva investidos 25 M€ nos últimos catro anos no ámbito de San Paio de Navia e contempla 8 M€ máis no orzamento do vindeiro ano


Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021
.-. A Xunta licitará a comezos de 2022 as obras de urbanización do primeiro polígono de San Paio de Navia, en Vigo. O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, avanzou este compromiso do Goberno galego durante a súa intervención esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento.

O director do IGVS sinalou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adopta esta decisión adiantándose a un procedemento ordinario, pois o habitual é licitar unha vez que os proxectos están aprobados pola administración local.

Nese sentido, avanzou que se procederá á licitación das obras de urbanización “estean ou non aprobados os proxectos de urbanización polo Concello de Vigo”, para poñer fin ás demoras inxustificadas que “non son unha novidade para a Xunta”, pois “xa se atrasara a aprobación do plan parcial”.

Segundo manifestou Heriberto García, desde o inicio da tramitación ata a aprobación definitiva do plan parcial pasaron catro anos e un mes e advertiu que, se a demora na tramitación municipal non se rexistrara, “hoxe as obras de urbanización da primeira fase xa estarían en execución”.

Así mesmo, adiantou que a principios do vindeiro ano tamén se licitará a redacción dos proxectos de construción de 80 vivendas de protección pública (VPP) que forman parte das 733 que conforman o primeiro polígono —que abarca unha superficie de case 100.000 m2— dos tres que conforman San Paio de Navia. Este traballo acompasarase coa convocatoria do concurso para a adquisición de parcelas no mesmo ámbito, que se destinarán preferentemente á construción de vivendas protexidas de réxime especial en alugueiro, executadas por cooperativas e promotores privados.

De feito, o director do IGVS lembrou que esas entidades poderán optar ás axudas, de ata un máximo de 50.000 euros por vivenda, que habilitará proximamente o Goberno galego, polo que “esta é unha boa oportunidade para que o Concello de Vigo se implique na construción de vivenda pública”.

Cómpre lembrar que a Xunta xa leva investidos 25 millóns de euros nos últimos catro anos no ámbito de San Paio de Navia e contempla 8 millóns máis no orzamento do vindeiro ano 2022.