- A medida beneficiará ás preto de 500 parroquias dos 111
concellos polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago: o Camiño Francés, o
Camiño do Norte-Camiño Primitivo, o Camiño Inglés, o Camiño de Fisterra-Muxía, o Camiño Portugués e
o Camiño da Prata
- A través deste Plan Integral Conxunto de Rehabilitación, o Goberno galego velará non só
polo mantemento e restauración do valor paisaxístico, cultural e histórico das Rutas a Compostela
senón que traballará pola mellora da calidade de vida das persoas que viven no Camiño.
- A coordinación entre as consellerías de Cultura e Medio Ambiente permitirá axilizar
a tramitación das solicitudes dos particulares a través das oficinas de rehabilitación para
informar con precisión das peticións de licencias que se presenten e axudar na tramitación
das axudas
Área de Rehabilitación do Camiño de
Santiago
- Para facer efectivas as axudas á rehabilitación de vivendas será necesario declarar a Área
de Rehabilitación do Camiño de Santiago, que integrará as diferentes rutas xacobeas, e que se
engadirá ás 45 áreas de rehabilitación que xa están creadas
- As axudas suporán un investimento de 5,8 millóns de euros entre 2009 e 2010, que serán
financiados pola Xunta e o Estado
- Serán complementadas polas axudas de rehabilitación de inmobles situados en conxuntos
históricos, para o cal o Instituto Galego de Vivenda e solo investirá en exclusiva 5,5 millóns
- As axudas de áreas de rehabilitación consisten en subvencións a fondo perdido de ata
11.600 euros por vivenda. Ademais, poderase acceder a un préstamo, sen subsidiación, a un prazo
máximo de 15 anos, con 3 de carencia.
- As axudas para rehabilitación de inmobles en conxuntos históricos consisten nunha
subvención a fondo perdido do 50 por cento do orzamento, cun límite máximo de 10.000 euros, e de
12.000 se se trata da renovación do edificio
- As axudas da área de rehabilitación e de rehabilitación en conxuntos históricos son
compatibles e acumulables
Espazos públicos
- O Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago nos espazos
públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico, deseñado pola Dirección Xeral do Patrimonio
Cultural, contempla unha inversión de 2.900.000 euros
- A Consellería de Cultura e Turismo aportará un total de 950.000 euros e traballa coa
previsión de que o Ministerio de Fomento destine ata o 75% do investimento (1.950.000 euros),
a través do 1 por cento cultural
- O programa de intervencións nos espazos públicos propón a recuperación sustentable e a
posta en valor dos lugares de uso comunitario (prazas, fontes, lavadoiros, ...) nos núcleos rurais
- Asemade, contémplase a restauración das carballeiras dos Camiños de
Santiago para a súa rehabilitación como espazo de relación comunal netamente galego
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2009
.- A Xunta de Galicia establecerá un plan especial de axudas
para a rehabilitación de vivendas es espazos públicos destinadas ás preto de 500 parroquias dos 111
concellos polas que discorren os diferentes Camiños de Santiago, e que suporán
un investimento de 14 millóns de euros entre este ano e o vindeiro. Deste xeito, tal e como
explicaron hoxe en rolda de prensa os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín
Hernández, e de Cultura e Turismo, Roberto Varela, a través deste Plan Integral Conxunto de
Rehabilitación, o Goberno galego velará non só polo mantemento e restauración do valor paisaxístico,
cultural e histórico das Rutas a Compostela senón, o que é máis importante, traballará pola mellora
da calidade de vida das persoas que viven no Camiño.
A coordinación entre as consellerías de Cultura e Turismo e de Medio
Ambiente, Territorio e Infraestruturas permitirá axilizar a tramitación das solicitudes dos
particulares a través das oficinas de rehabilitación para informar con precisión e solvencia das
peticións de licencias que se presenten e axudar na tramitación das axudas. As accións de rehabilitación
pretenden chegar a todos os núcleos rurais de todas as parroquias de todos os concellos dos Camiños
de Santiago: o Camiño Francés, o Camiño do Norte - Camiño Primitivo, o Camiño Inglés, o Camiño de
Fisterra-Muxía, o Camiño Portugués e o Camiño da Prata.
Ambos conselleiros salientaron que o criterio básico de todas as
intervencións será o de “ofrecer unha imaxe impecable que reflicta a singularidade dunha paisaxe e
dunhas construcións propias de Galicia, unha imaxe iconográfica e un sinal de identidade tanto para
os habitantes dos núcleos rurais como para os peregrinos e visitantes que se achegan a nosa
comunidade”.
Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago
Para facer efectivas as axudas á rehabilitación de vivendas será necesario
declarar a Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago, que integrará as diferentes rutas
xacobeas, e que se engadirá deste xeito ás 45 áreas de rehabilitación que xa están creadas nestes
momentos en toda Galicia. Responsables da Consellería de Medio Ambiente e do Ministerio de Vivenda
reuníronse a pasada semana para iniciar os trámites desta declaración, que permitirá integrar as
axudas no Plan de Vivenda 2009 – 2012 e converterá a Galicia en pioneira ao ser a primeira
comunidade que crea un área integral de rehabilitación para todo o Camiño, permitindo actuar sobre
os edificios e vivendas de tódalas parroquias polas que transcorren as diferentes rutas do mesmo,
así como realizar obras de urbanización e reurbanización.
As axudas da área de rehabilitación suporán un investimento de 5,8 millóns
de euros entre 2009 e 2010, que serán financiados pola Xunta e o Estado. Ademais serán complementadas polas axudas de rehabilitación de inmobles
situados en conxuntos históricos, para o cal o Instituto Galego de Vivenda e solo investirá en
exclusiva 5,5 millóns de euros para as sete rutas do Camiño.
As axudas de áreas de rehabilitación consisten en subvencións a fondo
perdido de ata 11.600 euros por vivenda. A subvención da Xunta de Galicia acadará un 25% do
presuposto protexido, cun máximo de 5.000 euros. Pola súa parte, a subvención do Ministerio de
Vivenda acadará o 50% do presuposto protexido, cun límite máximo de 6.600 euros. Ademais, poderase
acceder a un préstamo, sen subsidiación, a un prazo máximo de 15 anos, con 3 de
carencia.
Poderán solicitar as axudas os propietarios de vivendas con máis de 10
anos de antigüidade, que despois da rehabilitación se destinen a residencia habitual e permanente
do mesmo durante un período mínimo de cinco anos. Tamén se poderán destinar ao alugueiro durante o
mesmo período. O importe máximo total das axudas para os anos 2009 e 2010 será de 5,8 millóns de
euros.
Pola súa parte, os concellos poderán realizar obras de urbanización e
reurbanización, con subvencións da Xunta de Galicia e o Ministerio de Vivenda. Ambos subvencionarán
un máximo do 30 por cento do presuposto protexido, sempre que o importe das subvencións non supere
en cada caso o 30 por cento do destinado por cada administración ás subvencións para rehabilitación
de vivendas no mesmo concello. Neste apartado investiranse 1,7 millóns de euros.
Para asesorar aos propietarios de vivendas e concellos en canto ás obras a
realizar e na tramitación das axudas, crearanse varias oficinas de rehabilitación.
Rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos
Na próxima orde de convocatoria destas axudas, neste caso financiadas en
exclusiva pola Xunta de Galicia, incluiranse tamén os sete trazados do Camiño de Santiago. Poderán
acceder ás axudas para a rehabilitación de vivendas os propietarios das mesmas que, unha vez
executada a rehabilitación, destinan a vivenda a residencia habitual e permanente por un período
mínimo de cinco anos. No caso de que os propietarios da vivenda residan fóra de Galicia, a obriga
de residencia será por un período mínimo anual de 15 días.
As axudas para rehabilitación consisten nunha subvención a fondo perdido
do 50 por cento do orzamento, cun límite máximo de 10.000 euros. Cando se trate da renovación dun
edificio ou vivenda, con baleirado interior da mesma, a subvencións será como máximo dun 50 por
cento do orzamento e 12.000 euros.Para o período 2009-2010 prevese un gasto máximo de 5,5 millóns
de euros.
As axudas da área de rehabilitación e de rehabilitación en conxuntos
históricos son compatibles e acumulables, de maneira que a axuda no Camiño de Santiago pode chegar
a un máximo de 21.600 euros para rehabilitacións e 23.600 para renovación.
Espazos públicos
O Plan Integral Conxunto para a Rehabilitación de Vivendas nos Camiños de
Santiago tamén permitirá avanzar nos principios que fundamentan a liña estratéxica da Consellería
de Cultura e Turismo de protección, conservación e posta en valor do noso patrimonio ligado ás
rutas xacobeas.
Ésta é a mesma liña prioritaria que xa se aplica no Plan de Restauración e
Posta en Valor dos espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico dos Camiños de Santiago.
O compromiso da Consellería de Cultura e Turismo é o de potenciar o propio Camiño como principal
recurso cultural, turístico e de promoción do Ano Xacobeo
O Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago nos
espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico, deseñado pola Dirección Xeral do
Patrimonio Cultural, contempla unha inversión de 2.900.000 euros. A Consellería de Cultura e
Turismo aportará un total de 950.000 euros e traballa coa previsión de que o Ministerio de Fomento
destine ata o 75 por cento do investimento (1.950.000 euros), a través do 1 por cento cultural.
Con este programa de actuacións previstas para o período 2009-2010 nos
tramos do Camiño Francés que precisen unha meirande urxencia, a Dirección Xeral do Patrimonio
Cultural incidirá directamente e de xeito inmediato sobre a configuración dos propios camiños de
peregrinación, dos lugares de reunión e de uso que se estruturan ao seu redor e dos elementos esenciais que
os bordean, limitan e lles dan forma. O obxectivo é que este Plan de actuacións poda ampliarse a
todos os Camiños de Santiago.
O programa de intervencións nos espazos públicos propón a recuperación
sustentable e a posta en valor dos lugares de uso comunitario (prazas, fontes, lavadoiros, ...) que
serven de punto de encontro para a celebración de reunións, festas ou actividades comúns nos
núcleos rurais. Son espazos de intercambio de cultura e coñecementos que fomentan as actividades
sociais e que son sinais de identidade propios e singulares da nosa paisaxe
cultural.
Intervirase a prol da integridade e da unidade do territorio e da paisaxe e, do mesmo xeito,
corrixiranse erros ou impactos producidos por actuacións sen control ou por un desenvolvemento
pouco reflexionado. En concreto, para o Camiño Francés establécese un período de dous anos de
actuacións prioritarias para un total de 12 actuacións en espazos públicos dos concellos das
provincias de Lugo e A Coruña polos que descorre o Camiño.
Asemade, contémplase a restauración das carballeiras dos Camiños de Santiago para a súa rehabilitación como espazo de
relación comunal netamente galego, escenario de actividades culturais, relixiosas ou lúdicas ademais das estritamente agrarias. O obxectivo é o de concienciar sobre o valor desde patrimonio e reparar as agresións e transformacións sufridas cunha actuación
urxente a dous anos vista e actualizacións periódicas posteriores para a súa completa execución. A
Dirección Xeral do Patrimonio Cultural seleccionará na primeira fase de actuación 12 intervencións
nas carballeiras do Camiño que teñan un especial significado para a comunidade e que necesiten unha
recuperación inmediata.
Para preservar a integridade e conservación do patrimonio etnográfico
construído á beira dos Camiños de Santiago, a Consellería de Cultura e Turismo desenvolverá unha
orde de axudas, dotadas con 300.000 euros, que estará dirixida aos propietarios particulares
daqueles elementos senlleiros (hórreos, cruceiros, petos de ánimas, muíños, lavadoiros, ...) que
son característicos da nosa cultura e dos nosos modos de vida tradicionais.