• Este programa de recuperación de inmobles, dotado de 570.000 euros, está dirixidos aos 25
concellos que integran este ámbito supramunicipal
• Os interesados poden recibir subvencións para realizar obras que melloren as condicións e
accesos dunha vivenda, así como a eficiencia enerxética dun inmoble
• Na convocatoria de 2021 concedéronse 34 axudas nesta ARI, por un importe global de case
300.000 euros
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022.- Os veciños da Ribeira Sacra que
desexen mellorar o estado actual das súas vivendas dispoñen de axudas de ata 25.000 euros, que xa
poden solicitar dende hoxe -e ata o 30 de setembro- a través da Sede electrónica da Xunta.
Os delegados territoriais da Xunta en Lugo, Javier Arias, e en Ourense, Gabriel Alén,
visitaron esta mañá dous inmobles -localizados nos concellos de Ribas de Sil (Lugo) e Esgos
(Ourense)- que se beneficiaron dunha subvención desta liña de rehabilitación ao abeiro da
convocatoria de 2021.
Este programa de recuperación edificatoria-xestionado polo Instituto Galego de Vivenda e
Solo- está dirixido especialmente aos veciños dos 25 concellos das provincias de Lugo e Ourense,
que conforman esta área supramunicipal, e que disporán dun orzamento de case 570.000 euros para o
actual exercicio.
Os delegados territoriais recordaron que as actuacións subvencionables son as obras de
mantemento a fin de adecuar os edificios á normativa vixente, aquelas coas que se mellore a
eficiencia enerxética das vivendas, así como as que adapten as condicións de accesibilidade. Nese
sentido, invitaron aos propietarios de edificios ou vivendas situadas nesta ARI a acollerse a estes
incentivos.
Balance da convocatoria de 2021
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das obras
nun edificio de cinco vivendas en San Clodio (Ribas de Sil), onde se instalou un ascensor grazas a
unha achega de 26.500 euros.
Arias explicou que nos últimos meses se executaron 14 proxectos de construción ou reforma en
sete municipios lucenses ao abeiro do ARI da Ribeira Sacra. Ribas de Sil rexistrou cinco
iniciativas, cun total de nove vivendas beneficiarias; en Monforte de Lemos leváronse a cabo tres
actuacións, dúas en Taboada, e as demais en Quiroga, O Saviñao, Chantada e Pantón. Suman un
orzamento total de 136.700 euros en axudas.
Asemade, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde,
Mario Rodríguez, visitou esta mañá á comunidade de propietarios de Saramagal, en Esgos, que
recibiron unha axuda -de 24.150 euros- para instalar un ascensor nun edificio de 12 vivendas.
Nesta provincia, a convocatoria pechouse coa concesión dun total de 20 expedientes en 9
municipios ourensáns que integran a ARI. Destacan os concellos de Nogueira de Ramuín, Montederramo
e Castro Caldelas, onde tres veciños de cada concello recibiron unha axuda, mentres que nos
municipios de Esgos, Parada de Sil, A Teixeira, A Peroxa e Xunqueira de Espadañedo se concederon
dúas subvencións en cada un. Pecha a lista A Pobra de Trives coa concesión dunha axuda. En total,
os concellos ourensáns desta ARI recibiron un orzamento de 156.511 euros.