Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, participou hoxe na formación do xurado

A XUNTA CONSTITÚE O XURADO QUE VALORARÁ AS 99 CANDIDATURAS PRESENTADAS AOS PREMIOS DE ARQUITECTURA E REHABILITACIÓN DE GALICIA

- O xurado disporá dun prazo de 15 días para estudar todas as propostas e neste mes de xullo, na segunda quincena, fixarase unha nova reunión do xurado para decidir os proxectos gañadores
- Organismos e asociacións que teñen unha especial vinculación co mundo da arquitectura e da rehabilitación son os principais integrantes deste xurado
- Das 99 candidaturas, 33 corresponden ao Premio de Arquitectura; 53 co Premio de Rehabilitación; e 13 para o Premio Especial á Substentabilidade
- O Premio Galego de Arquitectura e o de Rehabilitación contan cada un cunha dotación de 6.000 euros; e os Premios especiais á Substentabilidade e á Traxectoria Profesional, están dotados con 4.000 euros
- O xurado poderá outorgar mencións a aquelas actuacións que non obtivesen premio pero que considere merecedoras dun especial recoñecemento


Santiago, 1 de xullo de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, participou hoxe na constitución do xurado que valorará as 99 candidaturas presentadas aos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia. 

O xurado, do que forman parte organismos e asociacións que teñen unha especial vinculación co mundo da arquitectura e da rehabilitación, terán un prazo aproximado de 15 días para estudar todas as candidaturas presentadas e neste mes de xullo, na segunda quincena, fixarase unha nova reunión do xurado para decidir os proxectos gañadores. 

Vázquez Mourelle explicou que destas candidaturas, 33 delas correspóndense co Premio de Arquitectura; 53 co Premio de Rehabilitación; e 13 para o Premio Especial á Substentabilidade. As candidaturas correspondentes ao Premio á Traxectoria Profesional presentarase na reunión que celebre o xurado para a concesión dos premios.  

O Premio Galego de Arquitectura e o Premio Galego de Rehabilitación contan cada un deles cunha dotación económica de 6.000 euros; os Premios especiais á Substentabilidade e á Traxectoria Profesional, dotados con 4.000 euros; e Mencións, que poderá outorgar o xurado entre aquelas actuacións que non obtivesen premio pero que considere merecedoras dun especial recoñecemento. 

A conselleira destacou que a Xunta é coñecedora do papel de Galicia como referente estatal en rehabilitación e do labor dos profesionais que, día a día, contribúen a engrandecer o xa rico patrimonio arquitectónico da nosa terra. Por iso, para recoñecer a excelencia da rehabilitación e da arquitectura galega, o traballo do profesionais e a substentabilidade na construción decidiuse crear os primeiros galardóns de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia, con distintas categorías. 

Cómpre lembrar que o pasado 22 de abril o Diario Oficial de Galicia publicaba a orde de convocatoria dos premios e establecía un prazo de 40 días naturais, que rematou o 1 de xuño, para a presentación de candidaturas. 

Composición do xurado 

• Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle
• Director Xeral do IGVS, Heriberto García Porto
• Secretaria Xeral do IGVS, María Ángeles Domínguez Franjo
• Director Técnico de Solo, Edificación e Calidade do IGVS, Ricardo Valencia Hentschel
• Directora Xeral do Patrimonio, Mª Carmen Martínez Ínsua
• Vicepresidente da Real Academia de Belas Artes de Nuestra Señora del Rosario, Celestino García Braña
• Profesor Escuela T. Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Francisco José Vidal Pérez
• Profesor Escuela Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, Francisco Javier López Rivadulla
• Secretario Colexio de Arquitectos de Galicia, José Luis Sanmiguel Guerreiro
• Secretario Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Luís Bernárdez Varela
• Pte. Federación Galega da Construción, Eligio Nieto Lama
• Asesor de Aproinco, Álvaro Fernández Carballada

Fotografías dos proxectos presentados

Video con fotografías das candidaturas.