Forma parte do compromiso do
Instituto Galego de Vivenda e Solo que calquera
traballo de rehabilitación se faga con criterios de rigor e respecto, combinando
modernización e sustentabilidade con posta en valoración do patrimonio herdado, facendo así da
rehabilitación un proxecto de desenvolvemento social e ambiental; combinando a recuperación dos
materiais co uso de novas tecnoloxías que preserven e melloren a arquitectura cun alto contido
técnico.
Tamén é vontade do IGVS mudar para ben as condicións de vida das persoas que residen nestes
espazos e nesta arquitectura, recuperando a convivencia e o dinamismo económico destes lugares, ás
veces degradados ou en estado de abandono.
É tamén obxectivo do IGVS rexuvenecer a súa poboación con políticas de fomento destas vivendas
en réxime de aluguer; recuperar patrimonio construído de calidade sen uso e favorecer a convivencia
social en espazos públicos rehabilitados e recuperados para usos novos merece a asignación de
diñeiro público mediante a concesión de axudas e subvencións.
Esta posta en valor do patrimonio, da arquitectura, e de moitos ámbitos declarados xa patrimonio
da humanidade é para o Instituto Galego de Vivenda e Solo un proxecto de desenvolvemento social,
económico e ambiental, e, así mesmo, patrimonial e territorial, e con esta finalidade créase a
cédula de rehabilitación de calidade prevista no
Decreto
157/2006, do 7 de setembro.
Así a
cédula de rehabilitación de calidade é un documento que acredita que a vivenda
rehabilitada une os últimos avances da habitabilidade en materia de illamento, funcionalidade,
seguranza, eficiencia enerxética ou domótica co seu carácter patrimonial co que se acada unha
mellora global das súas condicións de habitabilidade residencial.
Acadar a cédula significa que as vivendas poderán ser beneficiarias das subvencións, premios e
beneficios fiscais que as distintas administracións competentes na materia convoquen ou publiquen
con destino a elas.
Características das vivendas
As vivendas que poden optar á cédula de rehabiitación deben de cumprir coas seguintes
características:
- No
ámbito rural as vivendas deberán ser unifamiliares, con 15 anos ou máis de
antigüidade para as que se promovan actuacións de rehabilitación, e 20 anos ou máis de antigüidade
para as que se promovan actuacións de renovación.
- En
conxuntos ou núcleos históricos as vivendas e os locais situados no andar baixo e
primeiro, deberán pertencer a edificios situados en conxuntos histórico-artístico ou similar, con
plan especial de protección e reforma interior oficialmente aprobado ou en entidades polas que
discorre o Camiño Francés de Santiago ou que figuren nun catálogo de protección e que teñan
polo menos o 50 % da súa superficie útil destinado ao uso de vivenda.
Dende a entrada en vigor da Orde do 18 de agosto de 2009, pola que se modifica a orde do 13 de
decembro, pola que se regula a cédula de rehabilitación de calidade e se determina a finalización
do prazo de presentación de solicitudes, non se poden presentar novas solicitudes.
Actualmente está en tramitación unha nova normativa en materia de rehabilitación que substituirá
á devandita cédula.