Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O período para presentar a documentación remata o 19 de febreiro

A XUNTA ABRE O PRAZO PARA A SOLICITUDE DE AXUDAS PARA O ALUGUEIRO DE VIVENDAS

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se convocan estas subvencións, que se poderán solicitar a partir de mañá
Este programa está dotado cun orzamento de 5,23 millóns de euros, que permitirán beneficiar a un mínimo de 2.200 familias
A axuda ascenderá ao 40 por cento do alugueiro, cun límite máximo de 2.400 euros ao ano
Con estas axudas, xunto coas do programa Aluga, a Xunta incrementa nun 18% as axudas para o alugueiro de vivendas
 
Santiago, 20 de xaneiro de 2015.- A partir de mañá e ata o día 19 de febreiro poderán presentarse as solicitudes de axudas ao alugueiro de vivendas, segundo establece a Resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia polo que se convocan ditas axudas para o ano 2015. Trátase de subvencións incluídas no Plan de alugueiro e rehabilitación 2013-2016 e beneficiarán como mínimo a 2.200 familias.
 
Por outra parte, as axudas do programa Aluga, convocadas en decembro de 2014, ascenderán en 2015 a 1.380.360 euros. O programa Aluga mantense unicamente para os contratos actualmente en vigor ata o seu remate, así como para dar satisfacción ás necesidades dos acollidos ao programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias cando non se dispoña de vivendas de promoción pública adecuadas.
 
Deste xeito, a Xunta incrementa nun 18% as axudas para o alugueiro de vivendas.
 
As persoas beneficiarias deberán cumprir as seguintes condicións:
 
a.    Ser titular ou estar en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de Arrendamentos Urbanos, en calidade de arrendatario.
 
b.    Que a vivenda arrendada ou a arrendar constitúa, ou vaia a constituír, a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria.
 
c.    Que os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia que teñan, ou vaian ter, o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de arrendamento, sexan en conxunto inferiores a 3 veces o IPREM.
 
d.    Que a renda do contrato de arrendamento non supere os seguintes límites;
 
  • 600€ para as vivendas situadas nos concellos de área territorial de Prezo Máximo Superior.
  • 500€ para as vivendas situadas na zona territorial 1
  • 400 € para as vivendas situadas no resto de concellos, zona territorial 2.
No caso de familias numerosas que necesiten unha vivenda de maiores dimensións, ou adaptada por ter un membro con discapacidade, a renda máxima da vivenda poderá acadar os 600 euros mensuais, nos concellos da zona territorial 1, e 500 euros en concellos da zona territorial 2.
 
Axudas
O importe das axudas será do 40% da renda anual que se deba satisfacer polo aluguer da vivenda, cun límite máximo anual de 2.400 euros por vivenda-
 
As axudas concederanse por un prazo de doce meses, prorrogables a solicitude da persoa interesada, ata a data de finalización do Plan.
 
A Xunta de Galicia destinará 5.234.400 euros ás axudas desta convocatoria, que se suman a 1.380.360 euros do Programa Aluga para este ano.
 
ZONAS TERRITORIAIS
Área territorial de Prezo Máximo Superior
A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Vigo e Pontevedra.
Zona territorial 1
Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro, Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa
Zona territorial 2
Resto de concellos