Inicio

Xunta de Galicia
Para a mocidade
Conceptos sobre vivenda que debes coñecer

GLOSARIO DE TERMOS

Do A ao H

  • Amortización. 
    Pago que se realiza para a devolución dun préstamo. O prazo de amortización é o período de tempo fixado para a devolución do préstamo hipotecario.
      
  • Amortización anticipada.
    Total ou parcial, na primeira amortízase a totalidade do empréstimo e pode implicar a cancelación dunha hipoteca. No segundo caso amortízase só unha parte do importe de acordo coas condicións do préstamo hipotecario. As entidades de crétido soen cobrar comisión por este tipo de operacións que, normalmente, son unha porcentaxe sobre a cantidade amortizada anticipadamente.
     
  • Ampliación de hipoteca.
    Nomeado tamén "novación", consiste en variar algunha das claúsulas que contén coma, por exemplo, o tipo de interese, o diferencial ou o importe. Á hora de plantexarse facer unha ampliación debe considerarse ou avaliarse se é mellor a subrogación, isto é a formalización doutra hipoteca con outra entidade financieira e cunhas condicións máis ventaxosas.
     
  • Anexo.
    Rochos, faiados, prazas de garaxe ou espazos análogos que prestan un servizo accesorio ás vivendas. Deberá indicarse se se trata ou non de espazos xuridicamente inseparables delas.
  •  
  • Área de rehabilitación de centro histórico (ARCHI).
    Son zonas así declaradas pola Comunidade Autónoma. Trátase de núcleos urbanos e cidades históricas declarados ou non no BIC (Ben de Interese Cultural).
      
  • Área de rehabilitación integral (ARI).
    Son zonas así declaradas pola Comunidade Autónoma. Forman parte do tecido urbano e atópanse en proceso de degradación física social ou ambiental.
     
  • Arras.
    Ou sinal que é a cantidade de cartos que se entregará ao vendedor coma garantía de que o comprador pechará a operación nun prazo determinado. Soe fixarse unha parte do prezo total da vivenda. Se, tras o cumprimento do prazo fixado o comprador non formaliza a compra, perde o sinal entregado. Así mesmo, se o vendedor non respectara o prazo pactado e vendera a vivenda a un terceiro, tería que devolverlle o dobre da cantidade depositada. Na maioría dos casos as arras son consideradas coma un pago a conta, ao formalizarse a compravenda.
      
  • Aval.
    Trátase dun instrumento para prestar garantía do cumprimento do pago do crédito hipotecario e os seus intereses mediante o cal unha persoa, o avalista, comprométese a pagar as cantidades no caso de que outra, o avalado, non as fixera efectivas. Existe a variante aval bancario, no cal un banco rexistra a súa sinatura nunha letra, ou outro instrumento de débeda, para responder polo seu pago se non o fixera o cliente. Nos contratos de aluguer o arrendador tamén pode acordar co arrendatario a presentación dalgún tipo de aval que lle garanta o cumprimento das obrigas do arrendatario.
     
  • Cadencia ou periodicidade.
    Frecuencia coa que se leva a cabo a modificación do tipo de interese dos préstamos hipotecarios contratados a tipo variable. Varía normalmente entre 1 e 3 anos. A modificación dos tipos de interese variable faise a través dos índices de referencia, dos cales o máis empregado é o euribor.
     
  • Carencia.
    Período, dentro da vida dun préstamo no cal só se pagan intereses e non se amortiza capital. Se fala de carencia total para o período do préstamo no que non se pagan intereses nen capital. Actualmente os préstamos hipotecarios contempran esta posibilidade e establecen un período de carencia se o cliente así o solicita.
       
  • Cargas.
    Refírense ás limitacións ao dominio ou propiedade dunha finca. A lei española esixe que deban estar en documento público e inscritas no Rexistro da Propiedade. Dise que está libre de cargas cando se constata que unha propiedade non ten ningún gravame e que o seu titular é dono sen restricións.
      
  • Catastro.
    Rexistro administrativo dependente do Ministerio de Economía e Facenda no que se describen os bens inmobles rústicos, urbanos ou con características especiais. Os Catastros Inmobiliarios Rústico e Urbano forman un rexistro de datos empregable pola Administración fundamentalmente a efectos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). Consisten nun conxunto de datos e descricións de inmobles onde consta superficie, situación, lindes, cultivos , calidades, valores ou calquera outra circunstancia física, xurídica ou económica.
      
  • Cédula de rehabilitación de calidade.
    Documento que sirve para asesorar e tutelar as actuacións protexidas de rehabilitación e renovación no medio rural e en conxuntos históricos.
     
  • Clases de vivendas de protección autonómica.
    Existen tres clases de vivenda de protección autonómica para venda, de réximen especial, de prezo xeral e de prezo concertado, con prezos máximos de venda diferentes e dous tipos de vivenda de protección autonómica para arrendamento, de renda básica e de renda concertada, con prezos máximos de aluguer diferentes.
    O acceso a cada clase de vivenda está condicionado polos ingresos familiares do demandante.
  •  
  • Comunidade de propietarios.
    Conxunto de cotitulares dun inmoble dividido en propiedade horizontal.
  •  
  • Constructor.
    É o axente que asume, contractualmente, ante o promotor, o compromiso de executar con medios humanos e materiais, propios ou alleos, as obras ou parte das mesmas con suxeicións ao proxecto e ao contrato.
  •  
  • Cooperativa.
    Asociación de persoas físicas ou xurídicas que tendo intereses ou necesidades socio-económicas comúns, deciden desenvolver unha actividade de promoción de vivenda para achegar aos seus socios vivendas ou locais, podendo con este obxectivo, acometer tarefas de adquisición, parcelación e urbanización de terreos asi coma a da propia execución das obras e servizos necesarios.
     
  • Crédito hipotecario.
    Contrato polo que unha entidade financeira outorga unha liña de financiamento, o préstamo hipotecario, a un titular da que este pode ir dispoñendo cantidades, segundo as súas necesidades. Esta é unha das principais diferenzas con respecto a un préstamo convencional, onde a cantidade inicial é fixa e só hai unha entrega de cartos por parte da entidade. O titular debe devolver a cantidade prestada nos prozaos e condicións que figuran no contrato correspondente.
     
  • Destino e ocupación das vivendas.
    As vivendas que forman parte dos programas de actuacións protexidas están suxeitas a condicionantes e limitacións no que se refire ao destino, ocupación das mesmas e facultades de dispoñer.
      
  • Diferencial.
    É a marxe ou porcentaxe que se suma ao valor do índice que se ten pactado coma referencia (euríbor, mibro, IRPH de caixas, bancos, CECA...) no momento da revisión do tipo de interese, un préstamo hipotecario contratado a tipo variable ou mixto. Se un cliente ten contratado un préstamo hipotecario ao euríbor máis 1 punto e o euríbor está no 4,5%, o novo tipo de interese do crédito será o 4,5% máis 1%, isto é o 5,5%. É imprescindible contrastar nas diferentes ofertas do mercado e a negociar coas entidades financeiras para acadar condicións o máis ventaxosas posibles.
      
  • Director de execución.
    É o axente que, formando parte da dirección facultativa, asume a función técnica de dirixir a execución material da obra e de controlar cualitativa e cuantitativamente a construción e a calidade do edificado.
  •  
  • Director de obra.
    Axente que, formando parte da dirección facultativa, dirixe o desenvolvemento da obra nos aspectos técnicos, estéticos, urbanísticos e medioambientais, de conformidade co proxecto que a define, a licenza de edificación e demais autorizacións preceptivas e as condicións do contrato, co obxecto de asegurar a súa adecuación ao fin proposto.
      
  • División en propiedade horizontal.
    División do inmoble en varias fincas rexistrais independentes ás que se lle asigna un coeficiente de copropiedade ou participación do total do mesmo. Inscríbese no Rexistro da Propiedade.
      
  • Duración do réxime legal.
    O réxime legal das vivendas de protección autonómica durará trinta anos, contados dende a data da súa declaración definitiva. En ningún caso poderán descualificarse voluntariamente antes de transcorrido dito prazo.
      
  • Entidades e laboratorios de control de calidade .
    Son entidades de control de calidade aquelas capacitadas para prestar asistencia técnica na verificación da calidade do proxecto, dos materiais e da execución da obra e as súas instalacións dacordo co proxecto e a normativa aplicable. Son laboratorios de ensaio para o control da calidade da edificación os capacitados para prestar asistencia técnica, mediante a realización de ensaios ou probas de servizo dos materiais, sistemas ou instalacións dunha obra de edificación.
      
  • Familias numerosas.
    Son aquelas con tres ou máis fillos, ou dous no caso de que un deles teña condición de minusválido ou incapacitado para o traballo ou, os dous pais ou un deles con minusvalía ou incapacidade para traballar igual ou maior ao 65%. Os fillos deberán ser solteiros, convivir co pai e/ou nai, depender economicamente deles e ser menores de 21 anos salvo no caso de ser discapacitado. A idade ampliarase ata os 25 anos cando estean cursando estudos axeitados á súa idade.
     
  • Fianza.
    É calquera garantía que se presta para asegurar o cumprimento dunha obriga. Referida ao contrato de aluguer, a fianza é a cantidade de cartos que o arrendatario entrega ao arrendador para garantir o cumprimento das súas obrigas. O arrendador devolverá esta fianza no remate do contrato se non existiran responsabilidades ás que deba dar resposta. Nos arrendamentos urbanos a lei obriga a que sexa unha cantidade en efectivo equivalente a unha mensualidade da renda.
       
  • Indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).
    Trátase dunha cantidade expresada en euros por ano, que se considera coma unidade de medida para a determinación dos ingresos familiares.
      
  • Ingresos familiares.
    É o montante económico que se toma coma referencia para ser beneficiario das actuacións protexidas en materia de vivenda e para determinar a contía das axudas.