Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Axudamoste » Mercar unha vivenda » Axudas á compra de vivenda protexida » Compra de vivenda protexida

Información sobre compra e aluguer de vivenda protexida

En tanto non se desenvolva regulamentariamente, a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, aplicarase o disposto no Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

PROCEDEMENTO

1º paso: Inscrición no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida.

2º paso: Sorteo e adxudicación das vivendas

3º paso: Acreditación de que cumpre os requisitos para acceder a vivenda que solicita.

4º paso: Adxudicación definitiva e sinatura do contrato.

 

1º paso. A INSCRICIÓN NO REXISTRO DE DEMANDANTES DE VIVENDA PROTEXIDA

¿Quen debe inscribirse no Rexistro?

Deben inscribirse no Rexistro as persoas ou unidades familiares ou convivenciais que desexen comprar unha vivenda de protección autonómica .

¿Cales son as excepcións a obriga de inscrición?:

  • As persoas que individualmente promovan a construción de vivendas de protección autonómica para uso propio, que non estean agrupados en cooperativas ou comunidades de propietarios.
  • As persoas que permutan solo por vivenda.
  • As cooperativas ou comunidades de propietarios que promovan vivendas de protección autonómica, salvo que teñan vivendas vacantes.
  • As organizacións sindicais e asociacións cando sexan promotores de vivendas, salvo que teñan vivendas vacantes.
  • Os demandantes de aloxamentos protexidos destinados a albergar persoas relacionadas coa comunidade universitaria ou investigadores científicos.
  • Os que accedan a unha vivenda protexida como consecuencia de realoxos

¿Que debe facer a persoa interesada?

Debe cubrir o modelo de solicitude normalizado e xuntar os documentos que nel se indiquen. Poderá conseguir o impreso na web do Instituto Galego de Vivenda e Solo (en adiante IGVS) www.igvs.es ou nas oficinas de información do IGVS.

Presentación da solicitude.

Pode presentar nas Oficinas do Rexistro do IGVS o modelo de solicitude debidamente cuberto (para o que pode solicitar axuda do persoal de atención ao público).

Tamén pode enviar a solicitude a través de:

  • Os rexistros de calquera órgano administrativo, da Administración Xeral do Estado, de calquera Administración da Comunidade Autónoma ou a dalgunha das entidades que integran a Administración Local se neste último caso se subscribira o oportuno convenio.
  • As oficinas de Correos.
  • As representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro.

NOTA IMPORTANTE: Lembre que a vixencia da inscrición é de tres (3) anos dende a resolución administrativa de inscrición, e vostede deberá comunicar ao Rexistro calquera cambio das circunstancias persoais que se indican na solicitude (aumento ou cambio dos membros da unidade familiar, cambio nas circunstancias económicas, etc.)

Tipos de vivendas que pode solicitar:

  • Vivendas de protección autonómica de réxime especial (ingresos máximos 2,5 veces o IPREM)
  • Vivendas de protección autonómica de réxime xeral (ingresos máximos 4,5 veces o IPREM)
  • Vivendas de protección autonómica de réxime concertado (ingresos máximos 6,5 veces o IPREM)

Ir ao comezo

2º paso. SORTEO E ADXUDICACIÓN DAS VIVENDAS (arts. 32 e ss. do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, DOGA 21.01.2010)

Antes da cualificación definitiva  como vivendas protexidas deberá iniciarse o proceso de adxudicación de todas as vivendas da promoción.
A apertura do procedemento de selección de adxudicatarios declararase mediante resolución do xefe territorial da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI). Dita apertura será debidamente publicada co obxecto de que todas as persoas inscritas no Rexistro e que estean interesadas na adquisición ou alugamento dunha das vivendas do edificio poidan solicitar a súa inclusión no sorteo dentro do prazo máximo de 15 días hábiles dende o seguinte á publicación da apertura do procedemento. Dito sorteo realizarase ante fedatario público.
Se o número de solicitantes admitidos non é superior ao número de vivendas ofertadas, as que queden vacantes, poderán adxudicarse directamente, mediante resolución do xefe territorial da CMATI entre as persoas inscritas no Rexistro que así o soliciten.

Ir ao comezo

3º paso. CUMPRIMENTO DOS REQUISITOS PARA PODER ACCEDER A ESTE TIPO DE VIVENDAS PROTEXIDAS:

1) Non ser titular do pleno dominio ou dun dereito real de uso ou disfrute sobre algunha vivenda suxeita a protección pública en España.
2) Tampouco poderá ser titular dunha vivenda libre, salvo que fora privado do seu uso por causas non imputables ao interesado ou cando o valor da vivenda ou o dereito sobre a mesma determinado segundo o Imposto de Transmisións Patrimoniais non exceda do 40% do prezo da vivenda que se pretende adquirir. Este límite pasará a ser do 60% nos seguintes supostos:

  • Persoas maiores de 65 anos, persoas dependentes ou con discapacidade recoñecida e as familias que as teñan ao cargo.
  • Familias numerosas, familias monoparentais con fillos, persoas separadas ou divorciadas ao corrente do pago de pensións alimenticias ou compensatorias.
  • Vítimas do terrorismo e mulleres vítimas de violencia de xénero.

3) Que a persoa beneficiaria resida ou desenvolva a súa actividade laboral nun municipio da comunidade autónoma de Galicia.
4) Ingresos mínimos (0,7 IPREM). Ver cantidade equivalente en ficha aparte.
5) Non superar os ingresos familiares máximos dependendo do tipo de vivenda que se solicite (réxime especial 2,5 veces IPREM, réxime xeral 4,5 veces IPREM, e réxime concertado 6,5 veces IPREM).

Procedemento para o cálculo dos ingresos familiares:

Para o cálculo dos ingresos súmanse as casiñas 455 e 465 da última declaración da renda co prazo de presentación vencido.

Cadro de equivalencias IPREM / euros: ver ficha aparte

Se algún membro da unidade familiar ten discapacidade ou a vivenda está situada nun ATPMS computará como se houbera un membro máis.

Ir ao comezo

4º paso. ADXUDICACIÓN DEFINITIVA E SINATURA DO CONTRATO

Unha vez realizado o sorteo e confeccionada a lista, procederase á publicación da relación de adxudicatarios definitivos e dos que quedan en reserva co seu número de orde na páxina web do IGVS. Dita lista será enviada á empresa promotora, que debe realizar a notificación a todos os adxudicatarios.
Notificados os adxudicatarios pola promotora disporán dun prazo de 45 días naturais desde a recepción da notificación para perfeccionar o contrato, e o promotor deberá remitilo no prazo de 1 mes desde a sinatura, á Xefatura de Área Provincial do IGVS.

Ir ao comezo

RÉXIME LEGAL DAS VIVENDAS

Destino. A vivenda deberá destinarse a residencia habitual e permanente do seu propietario.

Duración. O réxime de  protección das vivendas será o que conste na cualificación definitiva.

Transmisión da propiedade :

A venta destas vivendas so poderá efectuarse a persoas que cumpran cos requisitos establecidos e por un prezo máximo fixado polo IGVS, debendo solicitarse a pertinente autorización.

As vivendas estarán sometidas ós dereitos de adquisición preferente, tanteo e retracto da administración.

 

Teléfonos de axuda e direccións de interese:
 
Poderase consultar tamén na páxina Web: www.igvs.xunta.es
 
INSITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


 

A CORUÑA
Área Provincial do IGVS
Praza de Luis Seoane, s/n
15008 A Coruña
Teléfono de información 981 184 801
LUGO
Área Provincial do IGVS
Avda. Ramón Ferreiro 28
27002 Lugo
Teléfono de información 982 294 602
 
OURENSE
Área Provincial do IGVS
Rúa Sáenz Díez, 1
32003 Ourense
Teléfono de información 988 386 271
PONTEVEDRA
Área Provincial do IGVS
Rúa Alcalde Hevia 7
36071 Pontevedra
Teléfono de Información 986 805 610
 
SERVICIOS CENTRAIS
Área Central, s/n Polígono de Fontiñas
15781 Santiago de Compostela
981 541 982

OBTER MÁIS INFORMACIÓN...

AXUDÁMOSCHE A ALUGAR

O Instituto Galego de Vivenda e Solo considera a dinamización do mercado do aluguer un dos seus obxectivos prioritarios. Por isto mantén unha serie de medidas que axudan, ao demandante de vivenda de aluguer, a satisfacer as súas necesidades de vivenda.