O IGVS quere impulsar o
apoio aos axentes intervenientes nos procesos de rehabilitación, co obxecto de
conseguir a conservación do patrimonio construído e a rexeneración de zonas deprimidas. Estas liñas
de actuación pasan por unha potenciación das oficinas de rehabilitación co obxecto de
informar, orientar e asesorar os propietarios e técnicos sobre os criterios de intervencións,
actuacións protexidas, e requisitos para acceder ás axudas.
Ao mesmo tempo, e co obxecto de simplificar e clarificar a execución das obras, creou un
directorio de axentes colaboradores no que a súa inscrición supón a
inclusión nunha relación de axentes colaboradores que será pública e se lles facilitará ás persoas
promotoras de actuacións protexibles subvencionadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo con
efecto exclusivamente informativo.
O
directorio de axentes colaboradores en materia de rehabilitación ten por obxecto,
entón, poñer á disposición dos solicitantes das axudas en materia de rehabilitación tramitadas polo
Instituto Galego de Vivenda e Solo unha relación de axentes colaboradores para simplificar,
facilitar e axilizar a xestión e execución das obras de rehabilitación, para as que se solicitan
axudas públicas. Este directorio terá, exclusivamente, un carácter informativo para os promotores,
sen que en ningún caso a inscrición supoña un requisito obrigado para a execución de obras de
rehabilitación.
Categorías do directorio de axentes colaboradores
As categorías contempladas do directorio de axentes colaboradores son os seguintes:
-
Subministradores de materiais.
Con carácter xeral, considéranse subministradores de materiais os fabricantes, almacenistas,
importadores ou vendedores de produtos de construción. Consideránse as seguintes subseccións:
Madeira aserrada; madeira laminada; pedra; placas e láminas impermeables baixo tella, tella curva
ou plana, nova e vella; sistemas de evacuación de pluviais de zinc-titanio, ou cobre; gardacanos a
pé de baixante novos ou de derruba; sistemas de tabicaría e pavimentación en seco; cal e argamasas
de cal;pinturas; produtos para o tratamento anti-xilófagos e funxicidas de madeira; sistemas de
impermeabilización para locais; húmidos da vivenda; pavimentos de madeira; pavimentos cerámicos;
pavimentos terrazos e baldosas hidráulicas; portas interiores en madeira; ferraxes para
carpintaría; carpintaría de madeira; carpintaría metálica; instalacións de calefacción;
instalacións de electricidade; instalacións de auga; instalacións de saneamento e outros.
-
Oficios.
Son os axentes que asumen a elaboración ou a execución dunha fase da obra. Inclúe as
seguintes categorías: Canteiros, albaneis; carpinteiros; zinqueiros; fontaneiros; estucadores;
pintores; electricistas; calefactores; e outros.
-
Contratistas.
É o axente que asume, contractualmente ante o promotor, o compromiso de executar con medios
humanos e materiais, propios e alleos, as obras ou parte destas con suxeición ao proxecto e ao
contrato.
-
Técnicos.
Son os axentes que, por encargo do promotor, redactan os proxectos, asumen a dirección de
obra ou a dirección de execución de conformidade coas disposicións legais vixentes para cada
profesión, de acordo coas especialidades e competencias específicas. Inclúe as categorías de
técnicos de grao superior e técnicos de grao medio.
Procedemento de inscrición
O procedemento de inscrición no directorio iniciarase mediante a presentación da
solicitude adxunta a pé desta páxina, xuntando a documentación que se
determina na propia solicitude. Os axentes que se atopen inscritos no Rexistro Xeral de
Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia presentarán unicamente o número de inscrición.