Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » O IGVS » Premios Arquitectura » Presentación

Presentación

Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2020

A Xunta de Galicia premiará aos mellores  proxectos arquitectónicos de edificacións realizados nos últimos anos nos eidos da arquitectura e a rehabilitación a través dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se galardoará a traxectoria profesional dunha persoa arquitecta no territorio galego.

O obxectivo dos premios é o impulso á excelencia da nosa arquitectura e a rehabilitación recoñecendo a calidade das edificacións rematadas nos anos 2018 e 2019, tanto de obra nova como de rehabilitación. Especial mención merecen os premios especiais de sustentabilidade e á traxectoria profesional. O primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente, en particular a Estratexia Galega de cambio climático e enerxía 2050. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.

 

Os premios, que convoca o Instituto Galego da Vivenda e Solo cun valor total de 24.000 euros, teñen as seguintes modalidades e dotacións:

  1. Premio galego de arquitectura. Outorgarase entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que teñan suficiente entidade propia como para ser valorados de forma independente á construción orixinal. Dotación económica: 6.000 € 
  2. Premio galego de rehabilitación. Destinado a galardoar os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Dotación económica: 6.000 €
  3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento. 

Premios Especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a continuación:

a) Á sustentabilidade. Destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co medioambiente, os recursos e as xeracións futuras. Dotación económica: 6.000 €

b) Á traxectoria profesional. Recoñecemento á meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura, no territorio galego. Dotación económica: 6.000 €.

Poderán optar a estes premios, agás o especial á traxectoria profesional 2020, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2019 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As persoas autoras dos proxectos deberán ser profesionais da arquitectura. No caso do premio á traxectoria profesional non se establece ningún tipo de límite temporal.

A presentación das candidaturas será realizada por parte dalgunha das institucións que formarán parte do xurado, que estará presidido pola Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e composto por representantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo; Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario; Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; Federación Galega da Construción e Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.

Caixa de suxestións:

O IGVS pon a disposición do público en xeral una caixa de suxestións na aplicación premiosarquitectura.xunta.gal  á que poden remitirse suxestións para que o organismo, como entidade do xurado, poda telas en conta para facer a proposta prevista nas bases para os premios galegos de arquitectura, de rehabilitación e ao especial á sustentabilidade. 
Na caixa de suxestións indicarase a modalidade do premio para a que se presenta a suxestión, a localización da obra, a descrición do proxecto, a data de terminación da obra e os datos identificativos da persoa autora do proxecto (nome/razón social e enderezo).

Deberá achegarse a documentación prevista nas bases:

  • Imaxes: Un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc, en formato jpg, relativos ao correspondente proxecto.
  • Memoria descritiva e xustificativa do proxecto
  • Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.
  • Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima 3 minutos, sobre o proxecto proposto.
  • Para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos.

Directorio do IGVS

Localiza calquera teléfono ou enderezo dos distintos departamentos e dos profesionais do Instituto Galego de Vivenda e Solo a través do directorio corporativo.