Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » O IGVS » Competencias

Funcións e competencias

Ao Instituto Galego de Vivenda e Solo correspóndelle a dirección da política en materia de patrimonio arquitectónico, habitabilidade e calidade da vivenda e a de creación dos instrumentos que a garantan de acordo coas necesidades de asentamento da poboación.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo correspóndenlle as competencias e funcións que favorezan o acceso dos cidadáns ao dereito dunha vivenda digna e adecuada

Instituto Galego de Vivenda e Solo é o órgano da administración galega ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de política de vivenda, favorecendo o acceso dos cidadáns ao dereito, constitucionalmente garantido, dunha vivenda digna e adecuada. Así mesmo, correspóndelle a dirección da política en materia de patrimonio arquitectónico, habitabilidade e calidade da vivenda e a de creación dos instrumentos que a garantan, en particular a creación de solo residencial e de equipamentos acorde coas necesidades de asentamento da poboación.

Complementariamente correspóndelle ao IGVS, a través dos seus órganos, dentro do marco da normativa de ordenación do territorio e a urbanística, o establecemento da política de solos de carácter produtivo, tales como o industrial, o comercial ou tecnolóxico, e en xeral, aos que incidan na mellora da habitabilidade do territorio da comunidade autónoma, baseando aquela no principio de sostibilidade, en colaboración coa política de solos sectoriais específicos desenvolta por outros departamentos ou administracións en Galiza.

En particular correspóndenlle ao IGVS as seguintes funcións:

  1. Elaborar ou aprobar, de ser o caso, as normas polas que se establece a política da Xunta de Galicia en materia de vivenda e solo.
     
  2. Representar a posición da Xunta de Galicia nos órganos de representación, comisións, comités e foros, tanto nacionais como internacionais, que teñan competencia en materia de vivenda e solo, así como colaborar nestas materias con outros entes territoriais situados fóra da comunidade autónoma, sen prexuízo das competencias que en materia de relacións institucionais lle correspondan á Vicepresidencia
    da Igualdade e do Benestar, e da regulación que lle corresponda a outros órganos.
     
  3. As relacións con outros órganos, estatais, autonómicos ou locais para a execución da política de vivenda.
     
  4. Elaborar ou aprobar, se é o caso, os plans autonómicos en materia de vivenda e solo, así como o desenvolvemento e a execución dos plans estatais en materia de vivenda e solo.
     
  5. Executar os anteriores plans, mediante accións directas ou no exercicio da súa competencia xeral de fomento, a través dos diferentes órganos ou entes que en cada caso correspondan.
  6. A elaboración de programas e establecemento de accións que promovan a innovación e a calidade da vivenda e dos procesos de edificación e urbanización para acadar estándares de calidade baixo os principios de sostibilidade, aforro e uso de enerxías renovables.
     
  7. O establecemento e desenvolvemento das medidas relativas á aplicación e complementación do Código Técnico da Edificación.
     
  8. O establecemento de medidas e programas que incentiven o desenvolvemento sostible, a promoción e xestión inmobiliaria, e a competitividade do sector, en colaboración cos axentes da edificación.
     
  9. A elaboración das estratexias de acción directa ou fomento para a renovación e recuperación urbana nos centros históricos ou noutros tecidos urbanos degradados que permitan a súa recuperación.
     
  10. A implantación das medidas para a recuperación e rehabilitación de núcleos e vivendas rurais, co fin de revitalizar os asentamentos de poboación e evitar o despoboamento do medio rural, na procura da posta en valor dun patrimonio arquitectónico da comunidade.
     
  11. A realización de análises e proxectos de investigación sobre a problemática da vivenda e o solo, que sexan necesarios para o establecemento da súa política.
     
  12. Elaborar ou aprobar, de ser o caso, os plans plurianuais de vivenda e solo establecendo a programación da construción de vivendas de promoción pública. As previsións para a vivenda urbana referiranse á construción de novas vivendas, á rehabilitación do parque existente, á recuperación e protección dos cascos históricos e ao novo crecemento.
     
  13. O establecemento das medidas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para garantir a existencia de solo residencial con destino a construción de vivendas pola iniciativa privada, así como a actuación nestes solos coa finalidade de poñer á disposición da demanda solo a prezos reducidos.
     
  14. O establecemento das directrices ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para a adquisición de solo e a súa urbanización, así como para a construción e rehabilitación de vivendas de promoción pública.
     
  15. A xestión e fomento do réxime de alugueiro como forma de acceso á vivenda.
     
  16. A implantación de políticas integradoras encarriladas á erradicación do chabolismo e a infravivenda, sen prexuízo das que lle correspondan ao
    departamento en materia de igualdade e do benestar.
     
  17. A análise e pulo de novas tecnoloxías aplicadas á construción de vivendas, no que respecta a materiais e sistemas construtivos.
     
  18. O fomento das medidas que garantan a calidade dos procesos de edificación. O control e inspección dos axentes que interveñen no aseguramento da calidade da vivenda, así como a acreditación control e inspección das entidades e laboratorios de control de calidade.
     
  19. As competencias de desenvolvemento normativo e as autorizacións en materia de habitabilidade, segundo o disposto no Decreto 311/1992, do 12 de novembro.
     
  20. O establecemento dunha política de creación e fomento de solos de caracter produtivo, sen prexuízo das competencias da Consellería de Innovación e Industria ou de actuacións sectoriais específicas planificadas ou promovidas por outros departamentos ou administracións, particularmente mediante a promoción de parques empresariais, a implantación de axudas para a mellora do solo existente e a regulación
    das determinacións técnicas da urbanización e edificación do solo empresarial.
     
  21. A elaboración de estratexias de acción directa e fomento, en colaboración cos concellos e outras administracións, na política de relocalizacións
    industriais que posibiliten a rexeneración de áreas urbanas degradadas e áreas de interese natural a preservar ou recuperar; e estratexias igualmente conducentes á propia recuperación e desenvolvemento dos sectores industriais afectados se é o caso.
     
  22. elaboración de estratexias para a disposición de solos daquelas operacións de desenvolvemento integral que xustificadamente se establezan nos planeamentos municipais ou nas políticas comarcais e nos instrumentos de ordenación do territorio de calquera ámbito.
     
  23. A elaboración de estratexias que permitan o desenvolvemento de políticas de vivenda nas que o solo, como soporte material de actividade da cidade, sexa unha peza articuladora de usos e espazos territoriais e intermodalidades de carácter integral.
     
  24. A sinatura de convenios coa Administración estatal, autonómica ou local para a execución das anteriores políticas. Así mesmo asinar convenios con entidades sen ánimo de lucro, e persoas naturais e xurídicas, co fin de colaborar no establecemento de medidas relacionadas coas competencias do departamento.
     
  25. O exercicio de calquera outra función técnica, material ou xurídica que, en relación coas materias da súa competencia, se lle encomenden no marco do presente decreto ou das normas que o desenvolvan ou complementen.

As anteriores competencias e funcións desenvolveranse de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

TRANSPARENCIA NA XESTIÓN

A transparencia é un dos obxectivos de xestión do Instituto Galego de Vivenda e Solo, de conformidade coa Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno. Nesta sección atoparás as disposicións en trámite, os convenios e contratos, os concursos e pregos de contratación, as resolucións e adxudicacións ou a retribucións dos seus altos cargos.

Directorio do IGVS

Localiza calquera teléfono ou enderezo dos distintos departamentos e dos profesionais do Instituto Galego de Vivenda e Solo a través do directorio corporativo.