Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » O IGVS » Benvida

Saúdo

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

A vivenda e o solo empresarial son dúas das competencias da Consellería que dirixo, xunto co medio ambiente e o urbanismo, sobre as que poderá atopar toda a información nesta páxina web, á que lle dou a benvida.

A través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xestionamos as políticas de vivenda, de solo residencial e de solo empresarial na procura de dous obxectivos: a mellora das condicións de vida dos galegos e galegas e a dotación de solo axeitado para o asentamento de empresas que creen emprego e riqueza na nosa Comunidade.

Un dos eixos fundamentais da nosa política de vivenda é a rehabilitación porque avogamos pola recuperación do xa construído e pola posta en valor das nosas vilas e cidades e de zonas tan importantes a nivel patrimonial como son os conxuntos históricos. Con esa finalidade actuamos directamente adquirindo e rehabilitando inmobles de carácter residencial e tamén axudamos a propietarios e a comunidades a executar actuacións nesta liña e colaboramos cos concellos na recuperación do seu patrimonio.

Facilitarlle o acceso á vivenda aos cidadáns constitúe outro dos nosos obxectivos prioritarios, tanto a través de axudas para o alugueiro e para a adquisición como a través da promoción e mantemento dun parque público de vivendas ás que poidan optar as capas máis desfavorecidas da poboación, que tamén se poden beneficiar do Bono de Alugueiro Social. Neste sentido, o IGVS tamén promove a urbanización de solo residencial para a construción de vivenda protexida á que poidan acceder aquelas familias e cidadáns con dificultades para adquirir unha vivenda no mercado libre.

Finalmente, o desenvolvemento de solo empresarial por parte do Instituto facilita a implantación de empresas e a ampliación ou traslado das xa existentes a espazos especialmente pensados para as mesmas, onde contan con todos os servizos necesarios e uns estándares de calidade superiores. Deste xeito, fomentamos a ordenación do territorio e o asentamento de actividades económicas que redunden na xeración de emprego na nosa Comunidade.

En definitiva, dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, polo tanto, dende o IGVS traballamos sempre co obxectivo de atender as necesidades dos galegos e galegas, procurando coidar e poñer en valor o contorno no que se desenvolven as nosas vidas.

Ángeles Vázquez

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

TRANSPARENCIA NA XESTIÓN

A transparencia é un dos obxectivos de xestión do Instituto Galego de Vivenda e Solo, de conformidade coa Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno. Nesta sección atoparás as disposicións en trámite, os convenios e contratos, os concursos e pregos de contratación, as resolucións e adxudicacións ou a retribucións dos seus altos cargos.