A adxudicación de vivendas protexidas realizarase por
sorteo entre as persoas
inscritas e anotadas no rexistro para ese concello de preferencia, e no caso de
non existir ou ser insuficientes, entre as persoas
inscritas e anotadas no concello subsidiario.
a) ADXUDICACIÓN DAS VIVENDAS DE PROTECCIÓN OFICIAL DE PROMOCIÓN PÚBLICA PROMOVIDAS POLO IGVS :
SECCIÓNS 1ª e 2ª DO REXISTRO.
O proceso iníciase por resolución da Comisión Provincial de Vivenda que se publicará no
taboleiro de anuncios do concello no que radiquen as vivendas, nos das Áreas Provinciais do IGVS e
na súa páxina Web, indicando os datos esenciais da promoción e a data do sorteo.
Entre todos/as solicitantes que na data da resolución de inicio do procedemento estivesen
inscritos/as ou anotados/as nas seccións 1ª e 2ª do rexistro realizarase o sorteo ante notario.
Publicarase a lista provisional de adxudicatarios/as e outra de espera pola orde que derive do
sorteo polos mesmos medios indicados anteriormente. Poderanse presentar reclamacións durante o
prazo de 10 días que deberán ser resoltas no prazo máximo de tres meses.
Realizados os trámites previstos, a Comisión Provincial de Vivenda aprobará e publicará a lista
definitiva de adxudicatarios e de espera.
b) ADXUDICACIÓN DAS VIVENDAS PROTEXIDAS DE PROMOCIÓN PRIVADA OU DE PROMOCIÓN PÚBLICA PROMOVIDAS
POR OUTROS PROMOTORES PÚBLICOS : SECCIÓN 3ª DO REXISTRO.
Obtida a cualificación provisional e licenza municipal e antes da definitiva o promotor
solicitará o inicio do procedemento de selección que se anunciara nos taboleiros de anuncios da
Área Provincial e do concello, na
páxina web do IGVS e nun dos xornais de maior
tiraxe indicando os datos esenciais da promoción.
Á vista dos datos sinalados, as persoas interesadas
deberán formalizar a petición de inclusión no sorteo dentro do prazo máximo de
quince días hábiles desde o día seguinte á publicación da apertura do procedemento de selección. No
prazo de 15 días hábiles desde o remate do prazo publicarase a lista provisional de admitidos/as
concedéndose un prazo de 7 días para as reclamacións. Resoltas as mesmas aprobarase a lista
definitiva.
Realizarase entón o sorteo ante notario, publicándose na
páxina web do IGVS a lista de adxudicatarios e
reservas, onde se indicarán todos os trámites que se deberán seguir para perfeccionar o
contrato.