Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Actuamos » Informe de Avaliación de edificios » Informe de Avaliación de edificios

IAE - Informe de Avaliación de Edificios

O informe de avaliación de edificios, IAE, é un instrumento que acredita a situación na que se atopa un edificio en relación co seu estado de conservación, coas condicións de accesibilidade e informa sobre a certificación da eficiencia enerxética.

O informe de avaliación de edificios está directamente relacionado co deber establecido no artigo 135 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, das persoas propietarias de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións de conservalos nas condicións legais para servir de soporte aos usos a que están destinados e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles. Obriga que se concreta para as persoas propietarias e usuarias de vivendas no capítulo III do título I, “Do uso, do mantemento e da conservación das vivendas”, da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, ao establecer no artigo 12 a obriga de mantelas en bo estado de conservación, mantemento e seguridade. O deber de conservación vén definido pola xurisprudencia como un deber básico da persoa propietaria do solo, cuxo contido expresa unha manifestación da función social da propiedade.

O IAE permite un coñecemento detallado sobre o estado de conservación dos edificios de uso residencial colectivo, as súas condicións de accesibilidade universal e a súa eficiencia enerxética, o cumprimento do deber de conservación dos edificios e a adopción das medidas necesarias para a conservación e rehabilitación do parque de edificios de vivendas e a rexeneración e renovación dos tecidos urbanos existentes, co fin de asegurar a súa seguridade, salubridade e accesibilidade de forma que non supoñan riscos para as persoas e os bens e garantir o dereito das persoas a habitar nunha vivenda digna. Este coñecemento facilita a realización de reparacións e rehabilitacións preventivas, antes de que se presenten problemas graves e custosos.

Permitirá tamén coñecer as condicións do edificio referidas á accesibilidade e as súas dotacións en función das súas características e definiranse as medidas de adecuación para implantar no edificio, con criterios de flexibilidade, e o seu custo.

As actuacións de rehabilitación e mellora que se leven a cabo poden beneficiarse das axudas de rehabilitación da Xunta, tanto en materia de conservación como de accesibilidade e de eficiencia enerxética.

Así mesmo, a información derivada dos informes de avaliación de edificios inscritos no rexistro, servirá como un instrumento fundamental para orientar as políticas municipais e autonómicas no eido da rehabilitación.

Quenes están obrigados a presentar o IAE?

Están obrigados a elaborar e presentar o IAE no concello no que estea situado o inmoble, os propietarios de edificios de uso residencial vivenda colectiva, no prazo máximo dun ano dende que o edificio alcance os 50 anos ou a antigüidade que estableza o concello, de ser o caso.

Os concellos que así o consideren, poderán establecer un calendario para a presentación gradual dos IAE dos edificios que, e sempre que non supere os prazos seguintes:

- Ata 1 ano dende a entrada en vigor deste decreto, para os edificios catalogados.
- Ata 3 anos dende a entrada en vigor deste decreto, para o resto dos edificios con máis de 50 anos.


Como elaborar o IAE

As persoas capacitadas para a elaboración do IAE deberán elaboralo, en base a unha inspección visual, cubrindo a ferramenta informática que o IGVS pon a súa disposición e da que se pode xerar o informe.

Rexistro de IAE

Os concellos terán a súa disposición unha aplicación informática (REGIAE) para inscribir os informes presentados que dispón dun módulo de explotación de datos para a xeración de informes e/ou listaxes e tamén incluirá un sistema de alertas relacionadas coas medidas de seguridade inmediatas ou actuacións necesarias para o interese dos concellos.

Para a súa consulta, o REGIAE disporá dunha parte pública, implementada mediante tecnoloxía de información xeográfica para información dos cidadans, que está dispoñible no seguinte enlace https://regiae.xunta.gal/regiaePub/

Plan Vivenda 2018-2021

O Plan de vivenda 2018-2021 ten como obxectivos prioritarios o fomento do alugamento e o fomento da rehabilitación e da rexeneración e renovación urbanas.