Unha das principais novidades do Código técnico de edificación (CTE) é a
incorporación, no documento de salubridade, da sección DB-HS6 que establecerá os requisitos
técnicos que deberán cumprir os edificios para a protección das persoas fronte á exposición ao gas
radon. Este documento pretende dar resposta ao artigo 5 da Directiva 2013/59/ Euratom que esixe “
que os Estados membros establecerán requisitos legais e un réxime apropiado de control
regulamentario que, para as situacións de exposición, reflictan un sistema de protección
radiolóxica baseado nos principios de xustificación, optimización e limitación da dose”.
Porén, as novas esixencias do Código técnico de edificación (CTE) e as medidas
que esta normativa propoña serán de aplicación nos edificios novos e en determinados casos das
rehabilitacións, de modo que os edificios xa construídos, en uso e habitados, estarían fóra do
alcance desta normativa.
Por este motivo, considérase necesaria e oportuna a redacción dunha guía de
actuación nas vivendas existentes que, aínda que non é de obrigado cumprimento, recolle unha serie
de recomendacións e medidas de actuación para mitigar o risco de exposición ao radón.
O obxectivo da parte primeira desta guía é definir unha folla de ruta dos pasos
que debe dar o usuario para comprobar se a súa vivenda está en risco e as posibilidades de
actuación que ten para reducir este risco.
Na parte II, “Anexo técnico”, especifícanse as distintas solucións construtivas,
incluído o seu custo estimado para o que se terán en conta as obras complementarias e necesarias
para levala a cabo, a súa correcta execución, así como as súas vantaxes e inconvenientes, co
obxecto de lle facilitar ao técnico a elección das medidas máis adecuadas a cada caso
particular.