A Lei 8/2012, de 29 de xuño, de Vivenda de Galicia xa estableceu medidas para
evitar os desafiuzamentos nas vivendas de promoción publica e permitir a
dación en pago nas vivendas protexidas.
No eido da vivenda de promoción pública, o artigo 54 establece a posibilidade de aprazar ou
fraccionar o pago das vivendas no caso de imposibilidade acreditada de pagamento por unha situación
transitoria de precariedade económica. Así, durante estes anos non se produciu ningún
desafiuzamento por falta de pago nas vivendas de promoción publica.
Polo que respecta ás vivendas de protección autonómica, o artigo 64.2 da Lei de Vivenda
posibilita dación en pago destas vivendas ao permitir a adquisición das mesmas por parte de
entidades financeiras, co fin de evitarlles maiores gastos aos propietarios, e coa obriga de que a
entidade financeira destine a vivenda exclusivamente á finalidade e aos destinatarios que determine
o réxime xurídico aplicable ás mesmas, conforme o previsto na súa cualificación como vivendas
protexidas.
Ademais con carácter xeral:
A disposición adicional oitava da Lei de Vivenda establece que “O Goberno de Galicia
procurará a adopción de medidas e mecanismos que sirvan para paliar os obstáculos que dificultan a
permanencia ou o acceso a unha vivenda digna e adecuada, en particular para aqueles que por
circunstancias sobrevidas alleas á súa vontade teñen extraordinarias dificultades para facerlles
fronte aos créditos hipotecarios que gravan a súa vivenda habitual...”