Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Actuamos » Rehabilitación » Área de rehabilitación dos Camiños de Santiago

AXUDAS NA ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL (ARI) DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO

PROGRAMA "VIVENDAS NO CAMIÑO"

PROGRAMA DE FOMENTO DA REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS. PLAN ESTATAL 2013-2016

ORDE do 22 de decembro de 2015 pola que se abre o prazo para solicitar a participación para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, no marco do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e se establecen as bases reguladoras das subvencións deste programa. (DOG 28/12/2015)

Ámbito da ARI

A delimitación da ARI comprende o trazado das setes rutas do Camiño en Galicia:

  • Francés. Dende Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
  • Da Prata: Dende A Mezquita ou Verín ata Santiago de Compostela
  • Inglés. Dende Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
  • Primitivo. Dende A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
  • Norte. Dende Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
  • Fisterra- Muxía. Dende Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
  • Portugués. Dende Tui a Santiago de Compostela

 

Particularidades do ámbito:

  • Non se inclúen as vivendas que figuren dentro dos ámbitos doutra ARI xa declarada.
  • Nos concellos rurais as axudas son aplicables na totalidade da parroquia (excepto no indicado no punto seguinte)
  • Nas conexións coas cidades e vila limitarase o ámbito exclusivamente ao trazado do camino.

     

Persoas beneficiarias:

  • Persoas propietarias únicas de edificios ou de vivendas.
  • Comunidades de propietarios/as de vivendas
  • Agrupacións de comunidades de propietarios/as de vivendas

Sempre que: non incorran nas prohibicións para ser beneficiario dunha subvención establecidas do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Actuacións protexibles:

Consideraranse actuacións protexibles a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en vivendas, edificios de vivendas, e vivendas unifamiliares a fin adecualas á normativa vixente.

As actuacións contempladas son as seguintes:

I.- OBRAS DE MANTEMENTO A FIN DE ADECUAR OS EDIFICIOS Á NORMATIVA VIXENTE

1. Actuacións destinadas a garantir a seguridade

  • As actuacións necesarias de reforzo, reparación ou consolidación da estrutura portante do edificio para garantir as condicións de seguridade necesarias e para evitar deformacións na estrutura que produzan danos noutros elementos da edificación.
  • As actuacións necesarias para eliminar, reparar ou substituír aqueles elementos construtivos que polo seu estado de conservación ou polas súas características podan supor un risco para os usuarios do edificio ou producir danos nos edificios ou espazos contiguos.
  • As actuacións necesarias para garantir a protección dos edificios fronte ao lume e garantir a seguridade en caso de incendio. Inclúense neste apartado as actuacións dirixidas a evitar a propagación do lume en caso de incendio, instalar ou reparar os sistemas de protección contra incendios, illar a estrutura do edificio para garantir a súa resistencia en caso de incendio así como as actuacións necesarias para facilitar a evacuación do edificio en caso de incendio.
  • A execución das obras precisas para garantir a utilización do edificio en condicións de seguridade eliminando o risco de caídas, de danos por impacto, atrapamento ou aprisonamento.
  • A protección do edificio fronte a acción do raio.

     

2. Actuacións destinadas a garantir a protección fronte a auga e a humidade

  • As actuacións sobre as fachadas, carpintería exterior e cubertas das edificacións que teñan por obxecto protexer o edificio fronte a auga de chuvia.
  • As actuacións que teñan por obxecto protexer o edificio fronte a auga proveniente do terreo 
  • As actuacións que teñan por obxecto evitar a condensación da auga nos paramentos ou elementos construtivos da vivenda mediante a eliminación de pontes térmicas, o establecemento de elementos ou sistemas de ventilación, o incremento do illamento térmico, a colocación de barreiras fronte o vapor de auga, etc..

     

3. Actuacións destinadas a garantir as condicións de salubridade da vivenda

  • Establecemento de sistemas de ventilación, activa ou pasiva que garantan a calidade do ar exterior.
  • Execución de medidas para evitar a entrada no edificio do gas radon ou adopción de medidas para garantir a súa eliminación do interior das vivendas.
  • Actuacións de reparación ou dotación das instalacións axeitadas de subministro de auga
  • Actuacións de reparación ou dotación das instalacións axeitadas de evacuación de augas residuais.

     

4. Actuacións destinadas a adecuar, total ou parcialmente, á normativa vixente as instalacións dos edificios e vivendas

Estas actuacións inclúen as de reparación, actualización, mellora ou substitución das instalacións indicadas a continuación co fin de garantir as súas adecuadas prestacións ou adaptalas total ou parcialmente á normativa específica de aplicación:

  • Instalacións de abastecemento de auga
  • Instalacións de evacuación de augas residuais
  • Instalacións de electricidade.
  • Instalacións de infraestruturas comúns de telecomunicacións.
  • Instalacións de ascensores.
  • Instalacións de auga quente sanitaria.
  • Instalacións térmicas dos edificios
  • Instalacións de subministración e almacenamento de combustibles

     

5. Actuacións destinadas garantir que as edificacións cumpran as condicións de ornato público, adecuación ao entorno e de protección do patrimonio cultural ou paisaxístico

  • Obras destinadas a reparación ou adecuación das edificacións para garantir o ornato público esixible.
  • O remate de fachadas con materiais axeitados ao contorno cando aquelas teñan a vista elementos concibidos para ser revestidos.
  • A eliminación e substitución de materiais, elementos ou sistemas construtivos das edificacións que non resulten congruentes co seu contorno.
  • As obras de reparación, rehabilitación e ou conservación de fachadas, carpintería exterior ou cuberta das edificacións mediante o emprego de materiais que polas súas características e cores resulten acordes cos das edificacións tradicionais do contorno e ca paisaxe no que estean emprazados. 
  • En xeral, todas aquelas destinadas a garantir a harmonización das edificacións coas edificacións tradicionais ou históricas do seu contorno e co medio natural onde estean emprazadas. 
  • As actuacións que teñan por obxecto adecuar os edificios ás esixencias derivadas da normativa sobre protección do patrimonio cultural ou paisaxístico.

     

II.- OBRAS PARA A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DO EDIFICIO E VIVENDA

1. Actuacións destinadas a reducir a demanda enerxética dos edificios e vivendas e reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro 

  • A execución de obras destinadas reducir la demanda enerxética da vivenda, mediante o incrementando do illamento térmico, a colocación de dobre carpintería ou substitución da existente por outra de maiores prestacións térmicas ou calquera outra medida que teña por obxecto a redución da demanda enerxética.
  • As obras ou actuacións destinadas mellorar o rendemento das instalacións térmicas dos edificios e vivendas.
  • A substitución dos sistemas de produción de enerxía térmica por outros que impliquen unha menor emisión de gases de efecto invernadoiro ou que utilicen enerxías renovables.
  • A colocación, reparación ou mellora dos sistemas de captación da enerxía solar para produción de auga quente sanitaria.
  • As actuacións tendentes a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

     

III.- OBRAS PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE ACCESIBILIDADE AOS EDIFICIOS E OS ACCESOS ÁS VIVENDAS E LOCAIS E A SÚA ADAPTACIÓN Á NORMATIVA ENERXÉTICA

1. Actuacións destinadas a garantir a accesibilidade dos edificios e vivendas e a súa correcta utilización por persoas con limitacións sensoriais ou motrices.

Considéranse protexibles as seguintes actuacións cando teñan por obxecto garantir a accesibilidade aos edificios e vivendas ou facilitar a súa utilización por persoas con limitacións sensoriais ou motrices:

  • A eliminación das barreiras arquitectónicas que podan supor un atranco para a súa utilización..
  • A execución de obras ou instalacións así como a súa adecuación para a utilización por estas persoas.
  • A instalación de mobiliario de cociña adaptado.
  • A execución de baños e aseos ou a adaptación destes ou dos seus elementos.
  • A adecuación dos espazos da vivenda co obxecto de permitir ou facilitar a súa correcta utilización.
  • A adición e acondicionamento á vivenda de espazos que tiveran un uso distinto ao de vivenda cando aquela non reunise os requisitos de accesibilidade precisos.

En ningún caso se considerarán protexibles as seguintes actuacións:

  • As que supoñan a demolición ou baleirado interior das edificacións, coa excepción dos casos en que sexa preciso para garantir as condicións de accesibilidade ou para adecuar ou executar as instalacións dos edificios.
  • As obras que impliquen unha redistribución dos espazos dos edificios e vivendas.

     

Contía das axudas:

A contía máxima das axudas determinarase atendendo ao custe subvencionable da actuación, reflectido na cualificación definitiva. A axuda non poderá exceder do 35 do citado custe subvencionable.

O gasto subvencionable fixado na cualificación definitiva determinarase logo da comprobación da execución de todas as obras e da emisión do informe favorable dos servizos técnicos das Áreas Provinciais do IGVS, en atención ás facturas e documentos bancarios de pagamento que se presenten como xustificación destas.

A contía máxima das axudas non poderá exceder de 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.

Procedemento:

1 º paso: solicitar a cualificación provisional

Para participar neste programa as persoas interesadas deberán solicitar a cualificación provisional das actuacións de rehabilitación e executar as obras de conformidade coa resolución de cualificación provisional.

Prazo de presentación de solicitudes de cualificación provisional:

A cualificación provisional pode solicitarse en calquera momento anterior á finalización das obras, a partir do 29 de decembro de 2015.

O prazo de presentación de solicitudes pecharase por resolución da dirección xeral do IGVS en atención ao número de solicitudes presentadas e a dotación orzamentaria dispoñible. A resolución de peche do prazo de presentación de solicitudes publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do IGVS.

2º paso: solicitar a cualificación definitiva

No prazo máximo dun mes dende o remate das obras, e sempre antes do cumprimento do prazo máximo de execución fixado na resolución de cualificación provisional, a persoa promotora deberá solicitar á correspondente Área provincial do IGVS, a cualificación definitiva das actuacións.

3º paso: solicitar a axuda

Nos primeiros meses de 2016 publicarase a convocatoria das axudas do programa de rexeneración e renovación urbanas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.

Para poder acceder ás subvencións é necesario que a actuación de rehabilitación do edificio ou vivenda conte coa correspondente resolución de cualificación definitiva.

Non esqueza

O outorgamento da cualificación provisional ou definitiva non implica o recoñecemento do outorgamento da subvención, a cal deberá ser solicitada ao abeiro da correspondente convocatoria.

Incompatibilidades:

Non poderán obter os beneficios deste programa para as actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago as persoas beneficiarias das axudas do programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal 2013 – 2016.

Tampouco poderán beneficiarse destas axudas as vivendas incluídas no ámbito doutras ARI xa declaradas.

Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, as subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas elas non supere o custo total da actuación concreta.

¿QUE DEBE SABER?

Respecto ás actuacións:

  • As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude ou, no seu caso, á memoria subscrita por persoal técnico competente. 
  • No caso de realizarse actuacións en edificios de tipoloxía residencial colectiva, será requisito necesario contar co correspondente informe de avaliación dos edificios.
  • Todas as actuacións deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.
  • As actuacións de rehabilitación deberán terse iniciado con posterioridade á data de entrada en vigor do Plan estatal 2013-2016 (11 de abril de 2013) e en ningún caso poderán estar finalizadas a día 28 de decembro de 2015.
  • O prazo máximo de execución e xustificación do pagamento das obras será o 31 de outubro de 2016.

     

Respecto á documentación que terá que presentar:

É importante que saiba que terá que presentar a seguinte documentación:

  • Reportaxe fotográfica que amose as obras realizadas.
  • style="margin-right: 0px">Facturas das persoas provedoras que participaron na execucións das obras, que deberán reflectir de xeito desagregado o seu importe e a súa descrición conforme o anexo VII da Orde de 22 de decembro de 2015 pola que se abre o prazo para solicitar a participación para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago (DOG 28/12/2015).
  • Documentos bancarios acreditativos do pagamento das facturas presentadas. Non se admitirán pagos en efectivo, nin se admitirán como xustificantes os obtidos a través da rede internet, se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos de verificación na sede electrónica da dita entidade bancaria. Excepcionalmente, admitirase o recibín do provedor para gastos por importes inferiores a 1000 euros.
  • Licenzas e/ ou autorizacións preceptivas.
  • Certificado do inicio das obras, no caso de non ter iniciadas as obras con anterioridade á resolución desta orde, emitido polo/a técnico/a responsable da obra ou, no seu caso, pola empresa contratista.
  • Certificado do remate das obras e, de ser o caso, certificado de instalacións térmicas, eléctricas ou da posta en marcha de ascensor tramitado ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria.
  • Copia de, a lo menos, tres ofertas de diferentes provedores, no suposto de que o importe do custo a executar supere a contía de 30.000 €. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

 

Datos de contacto:

A CORUÑA 981 294 872

aricscoruna@xesturgalicia.com

 

LUGO 982 889 264

aricslugo@xesturgalicia.com

 

OURENSE 988 511 574

aricsourense@xesturgalicia.com

 

VIGO /PONTEVEDRA 986 494 562

aricspontevedra@xesturgalicia.com

BIBLIOTECA DE LEXISLACIÓN

A biblioteca virtual de lexislación e normativas do Instituto Galego de Vivenda e Solo contén a maioría da normativa relacionada coa vivenda e o solo empresarial. Poderás consultala filtrándoa polo tema que che interese, segundo o tipo de normativa que busques, polo estado no que se atopa ou polo tipo de disposición de que se trate.

TRANSPARENCIA NA XESTIÓN

A transparencia é un dos obxectivos de xestión do Instituto Galego de Vivenda e Solo, de conformidade coa Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno. Nesta sección atoparás as disposicións en trámite, os convenios e contratos, os concursos e pregos de contratación, as resolucións e adxudicacións ou a retribucións dos seus altos cargos.