Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Actuamos » Radon » Medición de concentración de radón

RADÓN

Medición de concentración de radon

Medición no ambiente. Tipos de medidores

O radon é imperceptible e, por tanto, a única forma de saber se nunha vivenda existen niveis de gas radon que puidesen supoñer risco para a nosa saúde será medindo a súa concentración mediante procedementos científicos. A medición debe realizala persoal cualificado con base en protocolos normalizados.
 
Existen métodos de medición a curto e a longo prazo e, aínda que todos proporcionan medidas fiables, á hora de realizar esta medición é necesario ter en conta que a emanación do radon está influenciada por diversos factores (temperatura, humidade, presión etc.). Por este motivo, recoméndanse medidas a longo prazo que recollan todas estas variables e que poidan determinar coa maior precisión a súa concentración real.
 
A continuación, descríbense os métodos máis utilizados e a súa achega, algúns dos cales se poden utilizar de forma complementaria para obter máis información e permitir un mellor diagnóstico.
 

Detectores de trazas para partículas alfa (DTPA)

Os detectores de trazas consisten en pequenos sensores pasivos que se danan tras recibir o impacto das partículas procedentes da desintegración do radon.
 
Este tipo de medición permite coñecer a media de concentración da actividade á que nos atopamos expostos durante un período de tempo (Bq/m 3). Aínda que é un método lento, resulta o máis recomendable para determinar o nivel de concentración de radon, xa que pola variabilidade de diversos factores a medida tomada en períodos longos é máis fiable.
 
O desexable é realizar a medición durante o período dun ano completo para recoller todas as oscilacións e variables posibles ás que poden estar sometidas as medicións da exposición ao radon. Desta maneira, a concentración obtida axustarase mellor á concentración media anual. Con todo, pódense recoller datos en períodos de tempo menor, aínda que convén indicar que é recomendable un período mínimo de 3 meses para obter datos con certa fiabilidade.
 
A súa instalación non resulta complexa, trátase dun sistema adecuado para colocar en distintos espazos da vivenda. Unha vez finalizado o período de exposición, é necesario envialas a un laboratorio.
 
O resultado obtense dunha media ponderada no período de exposición, axustada mediante coeficientes de estacionalidade, xa que deben terse en conta as variacións temporais segundo a estación climatolóxica do ano na que se realice a medición.
 

Filtros de carbón activo ou canisters (DCA)

Os filtros de carbón activo son dispositivos compostos por gránulos de carbono que necesitan absorber o radon ambiental durante 48 h. A análise dos resultados é rápido e pódese dispoñer dos resultados aproximadamente unhas 4-5 horas despois de finalizar as medidas. Trataríase dunha medida rápida e de custo moderado.
 
A información que nos ofrecen estes sensores pasivos é unha imaxe instantánea, resultado da media de actividade nos dous días que dura a exposición.
 
Normalmente, o protocolo de medida que se utiliza minimiza a renovación de aire, xa que resulta necesario reducir a ventilación ao máximo nos locais, co cal axuda a identificar os puntos de entrada do radon nos edificios.

 

Este método é recomendable cando resulta necesario saber de forma rápida a que nivel de radon está exposta a vivenda e tamén a avaliación da eficiencia tras unha actuación de remedio.

Cámaras de ionización ou medidores en continuo

Este tipo de medida dá unha información máis detallada ca os anteriores. Pode dar resultados en breves períodos de tempo, comprendidos entre 10 minutos e 1 hora, que informan do comportamento do radon ao longo do día.
 
Son as medidas que máis información ofrecen, xa que nos achegan os datos da variabilidade ao longo do día, pero o seu custo é elevado debido ao prezo dos detectores que se empregan e á necesidade de persoal cualificado para interpretar os resultados.
Pode ser un método aconsellado en lugares onde a súa ocupación está determinada por un horario, xa que podemos determinar o momento do día de maior concentración de radon.
 
Os dous primeiros métodos pertencerían á tipoloxía de medidores pasivos, necesitan un período de tempo máis longo para realizar as medicións e, ademais, é necesario unha posterior análise no laboratorio. O terceiro, con todo, é un tipo de medidor activo. Estes medidores ofrecen resultados practicamente no momento.
 

O recomendable para saber o nivel de concentración anual de radon na vivenda é utilizar os medidores de trazas e complementalos cos outros métodos para obter información da existencia do mesmo de xeito mais inmediato, así como para obter información sobre a súa incidencia ao longo do día ou dun período de tempo.

Outros tipos de medición

Existen outros tipos de medidores que se poden usar no eido doméstico para ter unha referencia, como medidores compactos ou determinadas aplicacións móbiles, pero que non son tan fiables como os anteriores.
 

Medición noutros medios

Como vimos antes, o radon pode chegar á vivenda a través dos materiais de construción ou a través da auga, aínda que de forma insignificante.
 
No caso dos materiais de construción, a medición pódese realizar no laboratorio ou sobre o terreo. As medicións no sitio poden levarse a cabo mediante métodos de acumulación, de fluxo ou absorción.
 

E, nos casos nos que se sospeite unha concentración elevada de radon na auga potable, será conveniente tomar mostras e analizalas nun laboratorio acreditado. En liñas xerais, cando a auga procede de subministracións de auga superficial non supón un problema. É máis probable que exista radon na auga cando procede dunha fonte subterránea, tanto se se trata dun pozo privado coma dunha subministración pública.

Proceso de medición

Como se avanzou, o radon é imperceptible, motivo polo cal deberemos medir os seus niveis de concentración para saber se unha determinada vivenda está afectada e ata que punto pode supoñer un risco para a saúde.
 
Para iso, poderíase realizar unha primeira medición con medida a curto prazo, como poden ser os filtros de carbón activo con toma de mostras durante dous días (48 horas), o que permitirá coñecer de forma rápida e aproximada se a vivenda ten niveis elevados de radon ou non.
 

Para detectar o nivel de concentración de radon anual dunha forma máis precisa realizaranse medicións a máis longo prazo con detectores de trazas e tomaranse mostras durante o período máis longo posible, como mínimo de 3 meses, de acordo ao estipulado no apartado 3.1.2.

Pódense completar as medicións de radon mediante un medidor en continuo, que permitirá determinar a oscilación de concentración ao longo do período do día, o que nos achegará resultados que poden axudar a determinar as accións de mitigación que será necesario levar a cabo.

En calquera caso, débense levar a cabo medicións baseadas en protocolos normalizados e con equipos calibrados para poder garantir a súa precisión.

 

Recomendacións para realizar a medición

Para a medición da determinación da media anual de concentración de radon no aire dos locais habitables dun edificio, débense ter en conta as seguintes recomendacións xerais:
 
Determinación do número de medidores
Os lugares onde se adoitan atopar concentracións máis elevadas son os sotos e as plantas baixas, debido á súa proximidade ao chan, xa que como vimos o radon é máis denso que o aire. Por tanto, se a fonte principal de radon procede do terreo, a medición hase de realizar nas estancias habitables onde se estime que o radon alcanza a súa máxima concentración, en particular nas plantas baixo rasante e na planta baixa ou primeira planta, dependendo da tipoloxía de vivenda. Ademais, no caso de edificios en altura, tamén na planta máis alta sobre a rasante.
 
Aínda que o mínimo determinado de detectores repartidos por cada planta na que se deba tomar medidas é de 2 para cumprir co protocolo, se é posible recoméndase un número de 3 detectores por se houbese valores moi dispares entre eles que puidesen dar lugar á incerteza sobre os resultados.
 
Situación dos detectores en cada planta
En cada planta en que se vaian colocar os detectores, elixiranse as estancias máis representativas e nas que a permanencia de persoas sexa a de maior tempo (salóns, dormitorios etc.), e permanecerán sempre no mesmo lugar.
 
Recoméndase colocalos a unha altura do chan de entre 50 e 180 cm e a unha distancia de máis de 30 cm da parede.
 
Os detectores non se deben poñer no interior de elementos pechados como armarios, nin próximos a correntes de aire nin a fontes de calor.
 
Cando resulte necesario colocalos en lugares con humidade elevada (máis do 70 % de HR), deben cubrirse cunha membrana que os protexa, de forma que esta non interfira na medida final.
 
Condicións da vivenda
Durante a exposición á vivenda deberá estar en condicións de uso normal, seguindo os hábitos de ocupación.
 
En caso de realizar as probas con filtros de carbón activo ou canisters, será necesario pechar as xanelas e as portas que dan ao exterior, mesmo 12 horas antes de comezar a proba, e mantelas pechadas o maior tempo posible durante o tempo que se realice esta. Os sistemas de aire acondicionado e calefacción poden permanecer en uso.
 

Para os efectos de medir a concentración de radon na vivenda, só se terán en conta os resultados obtidos nas plantas habitables. Con todo, para realizar un bo diagnóstico que determine as actuacións de mitigación máis adecuadas convén coñecer os resultados das plantas en contacto co terreo, aínda que estas non sexan habitables.

Unha vez aplicadas as medidas de mitigación, será recomendable realizar algunha medición posterior para poder determinar a eficacia destas e comprobar que realmente se produciu unha redución dos niveis de concentración de radón.

O resultado das mostras obtidas debe calculalo un laboratorio acreditado ou habilitado para realizar estes ensaios, con obxecto de garantir o procedemento e a calidade dos resultados.

Garantía de calidade das medicións

Co obxecto de garantir a calidade das medicións de concentración de gas radon no interior dos edificios, os laboratorios que realicen estas medicións deberán estar acreditados de acordo coa Norma ISO/IEC 17025 pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), ou ben cumprir os requisitos esixidos polo Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, presentar a declaración responsable como laboratorio de ensaios para o control de calidade da edificación ante o órgano competente da comunidade autónoma e estar inscritos no Rexistro de Laboratorios do Código Técnico da Edificación (CTE).

En Galicia, os laboratorios que cumpran os requisitos esixidos e que queiran inscribirse no rexistro correspondente (Relaga) deberán presentar unha declaración responsable no Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), de acordo coas instrucións da seguinte ligazón: https:// relaga. xunta. gal/ rulece/portal/.
 
Así mesmo, para saber que laboratorios habilitados hai en Galicia, poderase consultar o citado rexistro.
 
No CTE, recóllese a información dos rexistros autonómicos cuxos datos se poden consultar na súa páxina web:
 
Para obter información sobre os laboratorios acreditados por ENAC para a medición de radon pódese consultar a páxina web do Consello de Seguridade Nuclear (CSN), a través da seguinte ligazón:

https://www.csn.es/documents/10182/1010776/Listado+de+laboratorios+acreditados+para+medir+rad%C3%B3n+en+aire+seg%C3%BAn+norma+ISO-IEC+17025%2C+ubicados+en+Espa%C3%B1a+o+con+distribuidores+en+Espa%C3%B1a+-+Octubre+2018 .

Tanto a acreditación como a habilitación dos laboratorios son unha garantía de que estes contan co persoal e os equipos necesarios, así como, cun protocolo adecuado para a realización destes ensaios.

Medición noutros países

O tipo e a duración das medicións varía duns países a outros. Así, mentres en países nórdicos coma Finlandia e Suecia as medicións se realizan na tempada de uso das calefaccións, que adoita coincidir cos niveis máis altos de concentración de radon, en Irlanda e no Reino Unido lévanse a cabo ao longo de períodos de tres meses e aplícanse factores de corrección estacionais, en Italia fanse durante un ano completo e, nos Estados Unidos, óptase por medicións a curto prazo anteriores á compravenda de vivendas.

En países coma o Reino Unido, Irlanda ou os Estados Unidos, os niveis do gas condicionan o prezo dunha vivenda ou dun local e as medicións nos niveis de exposición son unha información solicitada nas transaccións de compravenda.

AXUDÁMOSCHE A MERCAR UNHA VIVENDA

Consulta todas as iniciativas que o Instituto Galego de Vivenda e Solo pon á túa disposición para que podas mercar a túa primeira vivenda: axudas directas, rexistro de demandantes ou coñece o que queres comprar a través do libro do edificio.

REXISTRO DE DEMANDANTES

O Instituto Galego de Vivenda e Solo creou o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia co que se pretende ter información rigorosa sobre a demanda de vivenda protexida e permitirá evitar irregularidades na compravenda de vivenda protexida.  É CÓMODO xa que a consellería pode incluirte no sorteo de cada promoción que se axuste á túa solicitude; EFICAZ, porque permite coñecer a demanda real de vivenda protexida; e TRANSPARENTE, na adxudicación da vivenda.