Este programa de axudas ten como obxecto subvencionar o alugamento de vivendas para as vítimas
de violencia de xénero no ano 2021, así como a prórroga destas axudas para todas as persoas que
resultasen beneficiarias deste programa nos anos 2019, 2020, 2021 e 2022, con financiamento do
Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de
abril de 2019 publicadas no Diario Oficial de Galicia (en adiante, DOG) núm. 78, do 24 de
abril.
Persoas beneficiarias
- 1. Poderán ser beneficiarias da concesión inicial deste programa as seguintes unidades de
convivencia:
- a) As das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de
dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de
explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de
dominación.
- Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por
interpósita persoa, con resultado de norte.
- b) As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero,
calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia
económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.
- 2. Poderán ser beneficiarias da prórroga da axuda prevista no artigo 8 das bases reguladoras
aquelas persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a
oportuna resolución, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2021 e cumpran os requisitos
previstos no ordinal 5º.3 desta resolución. O cómputo dos ingresos e a comprobación dos datos
necesarios para a concesión da prórroga realizarase conforme ao establecido nesta resolución. A
duración máxima da axuda, incluídas as prórrogas, non poderá exceder dos tres anos nin, en todo
caso, do 31 de decembro de 2022, data de fin da vixencia do Pacto de Estado contra a violencia de
xénero.
Requisitos das persoas beneficiarias
Persoas físicas.
Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia
durante os 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.
Ademais, no caso das persoas estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, deberán posuír
o permiso de residencia. No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será
suficiente acreditar que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que
posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.
Que sexan arrendatarias dunha vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha
duración mínima dun ano e con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos
da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. No caso dos menores de idade orfos por
violencia de xénero, así como das vítimas de trata menores de idade, o contrato de arrendamento
deberá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar
permanente do/a dito/a menor.
Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento debe constituír o seu domicilio habitual e
permanente.
Que a renda mensual do contrato non supere os importes sinalados no artigo 4 das bases
reguladoras.
Que os ingresos da súa unidade de convivencia, computados conforme estableza a resolución da
convocatoria, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o indicador público de renda de efectos
múltiples (IPREM) ponderado, agás no suposto previsto no artigo 3.2.a) das bases reguladoras.
Non ter, nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia (UC),
vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora, nin tampouco vínculo de
parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade até o segundo grao. Tampouco se a arrendadora
é unha persoa xurídica respecto dos seus socios.
Non ser propietario nin usufrutuario dunha vivenda en España, nin o solicitante nin a UC, con
algunhas excepcións. (Ver ordinal Quinto, parágrafo g)
Non ser arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.
Que a persoa solicitante e as restantes persoas da unidade de convivencia estean ao día nas súas
obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de
pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Non estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de 13 de xuño,
de subvencións de Galicia, agás o de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou
fronte á Seguridade Social.
Contía da axudas
O importe mensual desta axuda terá as seguintes contías:
- 225 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos aos que se
refire o apartado 1.a) do artigo 4 das bases reguladoras (renda mensual máxima de 450 euros).
- 200 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos aos que se
refire o apartado 1.b) do artigo 4 das bases reguladoras (renda mensual máxima de 400 euros).
- 175 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos aos que se
refire o apartado 1.c) do artigo 4 das bases reguladoras (renda mensual máxima de 350 euros).
O importe mensual da axuda non poderá ser superior á renda da vivenda.
Asemade, a Resolución do 2 de maio de 2022 de concesión directa da axuda complementaria á do
Programa de bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para vítimas de violencia
de xénero (DOG número 90 do 10 de maio de 2022) establece para todas as persoas beneficiarias do
bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para vítimas de violencia de xénero a
concesión directa dunha axuda polo importe da renda mensual do contrato de
alugamento cunha duración máxima de doce meses (de xaneiro a decembro de 2022), coas limitacións
que se establece na antedita resolución.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da
publicación desta resolución no DOG e terminará o día 21 de novembro de 2022, nos seguintes
termos:
- Naqueles supostos en que xa tivera rematado durante este ano 2022 o período de percepción da
concesión inicial ou da prórroga do bono de alugueiro, a persoa beneficiaria disporá dun mes,
contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución, para solicitar a prórroga da
axuda.
- No suposto de que a concesión inicial ou a prórroga da axuda concedida non rematara na data de
publicación desta resolución, a solicitude deberá presentarse dentro dos dous meses anteriores á
data de remate da concesión inicial ou da prórroga que se estea desfrutando.