Obxecto das axudas
Estas subvencións teñen como obxecto axudar ás persoas
mozas (menores de 35 anos) a afrontar a emancipación e o acceso a unha vivenda en propiedade, así
como revitalizar e poñer en valor os centros históricos.
Entenderase por centros históricos aqueles ámbitos
enumerados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se determinan os centros históricos para
os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, e 6 e 7 do artigo 13 ter, do texto
refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos
polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (Diario Oficial de Galicia
núm. 51, do 13 de marzo de 2018).
Persoas beneficiarias das axudas
1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas
físicas maiores de idade que, tendo menos de 35 anos na data de presentación da correspondente
solicitude, reúnan os seguintes requisitos:
-
Posuír a nacionalidade española ou, no caso de ser
estranxeiras, ter a residencia legal en España.
-
Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa
unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM.
Este límite será de catro veces o IPREM se se trata
dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa composición existan persoas cunha
discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de cinco veces o IPREM
cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con
algunha das seguintes discapacidades:
-
-
Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade
intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou
superior ao 33%.
-
Discapacidade física ou sensorial, cun grao de
discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%
-
Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas
integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no
artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
-
Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas
integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en
territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto
dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por
transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha
vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan
habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por
razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de
convivencia.
2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda
por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no
parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.
Requisitos das vivendas
As vivendas subvencionadas deberán reunir os seguintes
requisitos:
-
Deben ser vivendas adquiridas a partir do 1 de
xaneiro de 2020 mediante contrato privado ou escritura pública de compravenda.
-
Que se trate de vivendas situadas no ámbito dun
centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, nos termos indicados no
ordinal segundo g).
-
Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes
efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
-
Que o prezo de adquisición da vivenda non supere os
seguintes límites:
-
No caso de vivendas situadas no ámbito dun centro
histórico dos concellos de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e
Vigo: non pode superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime
concertado nos municipios de prezo máximo superior (1.773,72 €), computando unha superficie útil de
120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo
incrementarase nun 8% no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2% no suposto de dispoñer de
rocho.
-
No caso de vivendas situadas no ámbito dun centro
histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior: non poderá superar o prezo máximo
previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do
Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda
a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia (1.364,40 €), computando unha superficie útil de 120 m2,
e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase
nun 8% no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2% no suposto de dispoñer de rocho.