O informe de avaliación de edificios está directamente relacionado co deber
establecido no artigo 135 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, das persoas
propietarias de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións de conservalos nas
condicións legais para servir de soporte aos usos a que están destinados e, en todo caso, nas de
seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles. Obriga que se
concreta para as persoas propietarias e usuarias de vivendas no capítulo III do título I, “Do uso,
do mantemento e da conservación das vivendas”, da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia,
ao establecer no artigo 12 a obriga de mantelas en bo estado de conservación, mantemento e
seguridade. O deber de conservación vén definido pola xurisprudencia como un deber básico da persoa
propietaria do solo, cuxo contido expresa unha manifestación da función social da propiedade.
O IAE permite un coñecemento detallado sobre o estado de conservación dos edificios de uso
residencial colectivo, as súas condicións de accesibilidade universal e a súa eficiencia
enerxética, o cumprimento do deber de conservación dos edificios e a adopción das medidas
necesarias para a conservación e rehabilitación do parque de edificios de vivendas e a rexeneración
e renovación dos tecidos urbanos existentes, co fin de asegurar a súa seguridade, salubridade e
accesibilidade de forma que non supoñan riscos para as persoas e os bens e garantir o dereito das
persoas a habitar nunha vivenda digna. Este coñecemento facilita a realización de reparacións e
rehabilitacións preventivas, antes de que se presenten problemas graves e custosos.
Permitirá tamén coñecer as condicións do edificio referidas á accesibilidade e as súas
dotacións en función das súas características e definiranse as medidas de adecuación para implantar
no edificio, con criterios de flexibilidade, e o seu custo.
As actuacións de rehabilitación e mellora que se leven a cabo poden beneficiarse das axudas
de rehabilitación da Xunta, tanto en materia de conservación como de accesibilidade e de eficiencia
enerxética.
Así mesmo, a información derivada dos informes de avaliación de edificios inscritos no
rexistro, servirá como un instrumento fundamental para orientar as políticas municipais e
autonómicas no eido da rehabilitación.
Quenes están obrigados a presentar o IAE?
Están obrigados a elaborar e presentar o IAE no concello no que estea situado o
inmoble, os propietarios de edificios de uso residencial vivenda colectiva, no prazo máximo dun ano
dende que o edificio alcance os 50 anos ou a antigüidade que estableza o concello, de ser o
caso.
Os concellos que así o consideren, poderán establecer un calendario para a
presentación gradual dos IAE dos edificios que, e sempre que non supere os prazos seguintes:
- Ata 1 ano dende a entrada en vigor deste decreto, para os edificios
catalogados.
- Ata 3 anos dende a entrada en vigor deste decreto, para o resto dos edificios con máis de
50 anos.
Como elaborar o IAE
As persoas capacitadas para a elaboración do IAE deberán elaboralo, en base a
unha inspección visual, cubrindo a ferramenta informática que o IGVS pon a súa disposición e da que
se pode xerar o informe.
Rexistro de IAE
Os concellos terán a súa disposición unha aplicación informática (REGIAE) para inscribir os
informes presentados que dispón dun módulo de explotación de datos para a xeración de informes e/ou
listaxes e tamén incluirá un sistema de alertas relacionadas coas medidas de seguridade inmediatas
ou actuacións necesarias para o interese dos concellos.
Para a súa consulta, o REGIAE disporá dunha parte pública, implementada mediante tecnoloxía
de información xeográfica para información dos cidadans, que está dispoñible no seguinte enlace
https://regiae.xunta.gal/regiaePub/