Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Actuamos » Promoción » Promoción / Autopromoción » Subvencións programa fomento do parque de vivenda en alugamento

Subvencións do Programa do fomento do parque de vivenda en alugamento (VI432C)


Este programa de axudas está dirixido a incentivar economicamente a promoción, pública ou privada, de vivendas co compromiso de destinalas a alugamento ou cesión en uso durante vinte e cinco anos nas condicións establecidas nas bases reguladoras.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, que teñan a residencia legal en España.
b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas, público – privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas, en cuxo obxecto social figure a promoción de vivendas.
c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, as cooperativas de autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, e aquelas ás que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Requisitos das promocións de vivendas subvencionadas

Poderán obter financiamento con cargo ás axudas deste programa as promocións que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que se trate de edificios de tipoloxía residencial colectiva de nova construción ou de vivendas procedentes da rehabilitación de edificios, así como de vivendas con obras en curso paralizadas que se reanuden ata a súa completa finalización.
b) Que teñan un mínimo de 5 vivendas.
c) Que se atopen totalmente baleiros de inquilinos u outros ocupantes por calquera título.
d) Que as actuacións non estean iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 nin finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG.
e) Que as actuacións de obra nova, de rehabilitación, así como de reanudación das edificacións, se realicen conforme aos criterios fixados na Guía de Cor e Materiais elaborada pola Xunta de Galicia.
f) Que as vivendas teñan unha cualificación enerxética correspondente ao consumo enerxético, como mínimo, dunha letra B, de acordo coa normativa de aplicación.
g) Que todas as súas vivendas se vaian ceder en uso ou destinar ao arrendamento durante un prazo mínimo de vinte e cinco anos, o que deberá constar, en todo caso, en nota marxinal no Rexistro da Propiedade.

Contía das axudas

A contía das axudas será proporcional á superficie útil de cada vivenda e será a seguinte, en función da modalidade escollida:

a) A contía das axudas directas será de ata un máximo de 350 euros por metro cadrado de superficie útil de vivenda. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50% do investimento da actuación, cun límite máximo de 36.750 euros por vivenda.
b) A contía das axudas directas será de ata un máximo de 300 euros por metro cadrado de superficie útil de vivenda. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 40% do investimento da actuación, cun límite máximo de 31.500 euros por vivenda.

Para a determinación da contía da axuda non se terá en conta a superficie útil dos garaxes nin dos rochos.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de agosto de 2021.

AXUDÁMOSCHE A MERCAR UNHA VIVENDA

Consulta todas as iniciativas que o Instituto Galego de Vivenda e Solo pon á túa disposición para que podas mercar a túa primeira vivenda: axudas directas, rexistro de demandantes ou coñece o que queres comprar a través do libro do edificio.