Persoas beneficiarias
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes
requisitos
a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal
en España.
b) Ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección
autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación
cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.
c) Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 un contrato privado de
compravenda visado pola área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) onde
estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as
cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia
estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non
teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da
Comunidade Autónoma.
e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de
convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do
13 de xuño.
Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha
solicitude de subvención para a adquisición de vivenda protexida ao abeiro da Resolución do 5 de
xullo de 2021 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso,
deberán cumprir todos os requisitos sinalados neste ordinal, agás o relativo á data prevista no
punto 1.c).
Contía das axudas
A contía da axuda para a adquisición de vivenda será a seguinte:
a) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior (A Coruña, Ferrol,
Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas
adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por
persoas maiores de 35 anos.
b) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no
suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 12.000 euros, no caso de
vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.
En todo caso, as axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, sen que, para
estes efectos, se inclúan os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.
Adquisición de vivendas por varias persoas conxuntamente
Neste suposto, cada unha das persoas adquirentes da vivenda deberá presentar unha solicitude e a
contía da axuda será proporcional á súa porcentaxe de participación na compra da vivenda
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2022.