Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Actuamos » Rehabilitación » Axudas a concellos » Áreas Rexurbe

REHABILITACIÓN

ÁREA REXURBE

A área Rexurbe é unha nova figura creada Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

De acordo co establecido na citada lei, un área de intervención no medio urbano é un conxunto edificatorio urbano ou rural, continuo ou descontinuo, que precise dun apoio público para atender á rehabilitación ou á substitución dos edificios e mais á calidade ambiental e urbanística do ámbito. A intervención nestas áreas poderá comprender actuacións de renovación e mellora da urbanización, dos espazos públicos e das demais dotacións urbanísticas ou das infraestruturas e dos servizos urbanos, así como articular medidas sociais, ambientais e económicas que estean enmarcadas nunha estratexia administrativa global, integrada e unitaria.

As áreas Rexurbe son áreas de intervención no medio urbano que, polas súas especiais características precisan dunha maior implicación da administración autonómica e local para dinamizar e revitalizar o seu ámbito.
 

Quen pode solicitar a declaración dun Área Rexurbe?

Os concellos que cumpran os seguintes requisitos:

  • Ter conxunto histórico declarado Ben de Interese Cultural (BIC)
  • Acreditar que o conxunto histórico está na seguinte situación:
    • a) Un proceso de degradación arquitectónica, urbanística ou ambiental, motivada, entre outros factores, pola obsolescencia do parque edificado, pola inadecuación ás necesidades poboacionais, polos déficits notorios e xeneralizados na calidade das vivendas, polos equipamentos, as dotacións e os servizos públicos do ámbito, pola degradación ambiental da zona e pola falta de conservación de bens e conxuntos edificatorios suxeitos a calquera réxime de protección do patrimonio cultural.
    • b) Situacións demográficas delicadas, derivadas dunha perda substancial ou dun envellecemento xeneralizado da poboación, ou por un crecemento excesivo non asumible urbanísticamente.
    • c) Existencia de graves problemas económicos e sociais, desaceleración constante da taxa de actividade económica e porcentaxes significativas de poboación que perciba pensións asistenciais ou non contributivas ou en risco de exclusión social.
      • O ámbito territorial de actuación poderá ser continuo ou descontinuo. En todo caso, o ámbito incluirá un mínimo de cincuenta inmobles con necesidades de intervención.

Sen prexuízo do sinalado nos puntos anteriores, poderá ser declarada área de rexeneración urbana de interese autonómico unha zona concreta especificamente delimitada e continua, comprendida nun ben de interese cultural e incluída previamente nunha área de rehabilitación integral, cando unicamente nesta zona concorran as circunstancias sinaladas no punto 1 e as súas dimensións espaciais e económicas sexan especialmente significativas en relación co conxunto, mantendo o resto do ámbito a súa declaración orixinaria.

Excepcional e motivadamente, poderanse declarar áreas de rexeneración urbana de interese autonómico outros ámbitos urbanos que, sen ter a consideración de ben de interese cultural, se atopen especialmente obsoletos e degradados nas condicións sinaladas no punto 1 e que polas súas características, a especial incidencia no ámbito urbano e a necesidade urxente de actuación así sexa acordado polo Consello da Xunta de Galicia.

Documentación para a solicitude:

Antes de presentar a solicitude o concello deberá contactar coa Dirección Xeral do IGVS para avaliar con carácter previo a proposta do ámbito, os requisitos e se lle facilitará unha ficha na que se indicarán estes factores aos efectos de poder presentar a proposta esixida pola Lei 1/2019, do 22 de abril:

  • Delimitación do ámbito
  • Proposta que conterá, de xeito detallado, a estratexia social, económica, urbanística e arquitectónica que se pretende levar a cabo para conseguir a efectiva recuperación e dinamización do ámbito. 
     
Declaración da área Rexurbe:

A declaración da área Rexurbe corresponde ao Consello da Xunta de Galicia e deberase publicar no Diario Oficial de Galicia Adxudicación

Efectos da declaración de área Rexurbe e aprobación do Plan de dinamización:

Conforme ao establecido no artigo 55.3 da Lei 1/2019, do 22 de abril, a declaración de área Rexurbe permitirá que dentro do ámbito da área se poida optar ás medidas e aos instrumentos de financiamento previstos nesta lei e na normativa de desenvolvemento especificamente para as áreas de rexeneración urbana de interese autonómico.

A tal efecto, o concello deberá presentar o plan de dinamización regulado nos artigos 58 e seguintes do citado texto legal, que deberá ser aprobado por acordo do Consello da Xunta e publicado no DOG e nas páxinas web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e do concello.

O plan de dinamización é un instrumento de planificación que formulará un programa plurianual referido á totalidade do ámbito ou a algunhas das súas áreas, no que se integran actuacións a nivel arquitectónico dirixidas a fomentaren políticas de rehabilitación de edificios e de vivendas e a mellora do espazo público con outras a nivel económico e social.

O plan de dinamización ten como obxecto coordinar as actuacións públicas e privadas destinadas á dinamización e á rexeneración destes ámbitos, co impulso da recuperación da actividade económica, o fomento da mellora da habitabilidade das vivendas e das condicións de vida das persoas residentes, a procura de atraer novos habitantes e mais a garantía da conservación dos valores patrimoniais do conxunto e dos seus elementos singulares.

O IGVS, seguindo o mandato legal, elaborou conxuntamente coa Universidade de Santiago e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a través dun convenio asinado coas ditas entidades, un modelo de plan de dinamización que servirá como guía para a súa redacción e que porá a disposición do concello unha vez sexa declarada a área Rexurbe.

Ademais, o concello deberá contar cun centro de rexeneración urbana de interese autonómico (Centro Rexurbe), que será o punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión da área Rexurbe, co obxectivo de impulsar as actuacións de recuperación, rexeneración e dinamización da área. Este centro deberá reunir os estándares mínimos dos medios materiais e humanos, así como os criterios, os requisitos e a solvencia técnica que determine o Consello da Xunta por acordo (artigo 70 Lei 1/2019, do 22 de abril).

Plan Vivenda 2018-2021

O Plan de vivenda 2018-2021 ten como obxectivos prioritarios o fomento do alugamento e o fomento da rehabilitación e da rexeneración e renovación urbanas.

Áreas de Rehabilitación Integral(ARI)

A rehabilitación dos contornos urbanos plásmanse na creación das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) que son a chave para a rehabilitación de espazos urbanos degradados a través de programas orientados á súa conservación, recuperación e mellora de calidade de vida dos seus habitantes.