O Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, formulado no seo do Observatorio de
Vivenda de Galicia e asinado en data 22/01/202 establece, no seu Eixo primeiro, Programa 3 e acción
2 a implementación dun programa de reparación de infravivendas en concellos de menos de 10.000
habitantes, para axudar con carácter urxente ás unidades de convivencia propietarias que residan
nunha edificación ou vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de
recursos para acometer as obras que permitan ter as condicións mínimas de habitabilidade.
Subvenciónanse as obras de reforma ou rehabilitación de elementos exteriores, condicións
estruturais e seguranza, mellora de accesibilidade e de habitabilidade . Dentro das actuacións de
habitabilidade tamén serán subvencionables as obras que eviten a entrada no edificio do gas radón
ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
Persoas beneficiarias
Concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes que poidan axudar con
carácter urxente ás unidades de convivencia propietarias que residan nunha edificación ou vivenda
que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos para acometer as obras que
permitan ter as condicións mínimas de habitabilidade.
Así mesmo, os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes tamén poderán
solicitar a subvención para rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal coa finalidade de
destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os
requisitos fixados nas bases reguladoras.
As unidades de convivencia terán que acreditar uns ingresos inferiores ao IPREM,
e algún dos seus membros debe ter a propiedade da vivenda obxecto da actuación e non dispor doutra
en territorio nacional, agás que sexa un edificio de titularidade municipal.
Solicitude das axudas
A solicitude da axuda deberá realizala o concello, que garantirá a
dispoñibilidade de fondos para cubrir o cinco por cento adicional do presuposto necesario para a
actuación prevista.
Requisitos das actuacións subvencionadas
Subvenciónanse as obras de reforma ou rehabilitación de elementos exteriores,
condicións estruturais e seguranza, mellora de accesibilidade e de habitabilidade . Dentro das
actuacións de habitabilidade tamén serán subvencionables as obras que eviten a entrada no edificio
do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
O custe total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos
profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da
tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean
debidamente xustificados. Tamén será subvencionables os gastos xerais de estrutura que incidan
sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo
que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e
beneficio industrial. Así mesmo, no custo total das actuacións incluiranse gastos derivados de
impostos, taxas e tributos.
Contía das axudas
O 95% do orzamento protexido das obras, cun máximo de 15.000€ por vivenda
rehabilitada.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o 9 de febreiro de 2022 e rematará
o día 1 de xuño de 2022 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida
nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección
Xeral do IGVS.